Transporte público gratuito en Galicia para os menores de 21 anos durante o ano 2022

A conselleira Ethel Vázquez sinalou que "un mozo de Verín que vaia estudar a Ourense, pode aforrar 1.800 euros nos desprazamentos correspondentes aos 9 meses de curso escolar"

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe en Ourense que a Xunta destinará o vindeiro ano 4,5 millóns de euros a financiar a tarxeta Xente Nova, coa que xa son 107.000 os mozos galegos que apostan polo transporte público e viaxan gratis en autobús por toda a Comunidade.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a extensión da gratuidade do transporte público para menores de 21 anos en 2022, co obxectivo de seguir consolidando a aposta de Galicia polo transporte público e de aproveitar ao máximo a chegada do AVE.

Así o destacou Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, nunha visita á terminal de autobuses de Ourense, que, grazas ao Goberno galego, se converteu o pasado mes de febreiro na primeira estación intermodal de Galicia e será o vindeiro día 21 a primeira en recibir o tren de alta velocidade.

Subliñou que esta estación, na que a Xunta investiu 9 millóns de euros, achegando tamén máis do 60% do financiamento do novo aparcadoiro, debe aproveitar ao máximo o potencial da chegada do AVE desde o punto de vista dos servizos.

Vázquez Mourelle sinalou que a pesar da irrupción da covid, en 2020 rexistráronse preto de 21.000 novas tarxetas Xente Nova, coincidindo coa súa implantación na provincia de Ourense e na área de Pontevedra.

Apuntou que grazas á súa extensión ao conxunto das liñas de autobús interurbano de Galicia, en 2021 se emitiron 32.000 dispositivos de Xente Nova e só no mes de setembro, con motivo do inicio do curso escolar, foron expedidas 8.000 tarxetas, máis dun 100% máis que no mesmo mes do ano anterior.

A conselleira subliñou a “conquista social” que representa a tarxeta Xente Nova de transporte gratuíto para menores de 21 anos, pois achega aos galegos entre si e aproxima, tamén, aos veciños do rural aos servizos públicos e ás oportunidades que ofrecen as cidades.

Tamén puxo o acento no aforro económico que supón a tarxeta para as familias, pois por exemplo, un mozo de Verín que vaia estudar a Ourense, pode aforrar 1.800 euros nos desprazamentos correspondentes aos 9 meses de curso escolar.

Te puede interesar