UU.AA. reparte mil quilos de uvas do Ribeiro na sede ourensana de Medio Rural para pedir mellores condicións

Uns mil quilos de uvas foron repartidos esta mañá ás portas da delegación de Medio Rural en Ourense como protesta por parte dos viticultores da bisbarra vitivinícola do Ribeiro para demostrar que o seu produto é de calidade e demandar unha mellora das súas condicións actuais.

O responsable de Unións Agrarias (UU.AA.) na bisbarra, Carlos Básalo, explicou o obxectivo de conseguir un contrato para o cen por cento das uvas do Ribeiro, nun contexto de ‘negativas consecuencias’ polo feito de que máis dun 70 por cento das uvas carecen de contrato.

Baséao explicou que a maior parte das veces deben entregar as uvas sen saber a canto nin cando as van cobrar, unha situación que crea ‘desánimo e un abandono de viñedos considerable’. Por todo, esixiu a fixación do prezo que a uva merece, acorde coa calidade e baixo contratos escritos para que se ‘garanta’ que se lles pagará.

O responsable de UU.AA. na bisbarra do Ribeiro indicou que o acto desta mañá ao repartir uvas da variedade xerez ‘serve para demostrar que as uvas do Ribeiro son todas de calidade’. ‘Queremos acabar con ese falso discurso que se está a promover dende algúns estamentos de que as uvas de Xerez non son de calidade’, declarou.

SATISFACCION.

Pola súa banda, o delegado de Medio Rural en Ourense, Xosé Rodríguez Cid, asegurou sentirse satisfeito coa situación e destacou a posta en marcha de mecanismos novidosos a favor dos viños de calidade da D.O Ribeiro.

En rolda de prensa, Rodríguez Cid destacou o conxunto de medidas políticas postas en marcha para ‘favorecer’ a produción de viño de calidade na provincia de Ourense en xeral e na Denominación de Orixe do Ribeiro en particular.

O delegado de Medio Rural argumentou que mecanismos como a ‘sinatura de contratos homologados’ ou o ‘establecemento de prezos de referencia para a uva de calidade’ responden a unha ‘aposta decidida’ pola profesionalización e estabilidade do sector agrícola.

Xosé Rodríguez Cid manifestou así mesmo a súa ‘sorpresa’ pola actuación de Unións Agrarias, que ‘dende que chegou este Goberno se manifesta todos os anos a finais de setembro’, cando ‘se se vai ás hemerotecas, nunca se manifestou durante o mes de setembro co Goberno anterior en período de vendima’.

Te puede interesar