A Xunta ofrece cursos online para mellorar a capacitación en galego do persoal da administración pública

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, anunciou este luns que a Xunta ofrece cursos online para mellorar a capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo das administracións públicas. Os dous primeiros céntranse en linguaxe administrativa e xurídica.
Esta modalidade en liña inaugura, segundo Lorenzo, 'unha nova etapa na formación específica en galego' aproveitando 'as vantaxes das novas tecnoloxías'.

'Estamos a dar máis facilidades á cidadanía que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego; podemos chegar a un público moito máis amplo e ofrecer un maior número de cursos cunha menor inversión', destacou.

Finalmente, o secretario xeral explicou que, para esta primeira edición, están convocados un total de 18 cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio; 13 deles para o persoal da Administración autonómica e os cinco restantes, para a local. Ademais, realizaranse catro cursos en liña para o persoal da Administración de Xustiza de Galicia e para o destinado fóra de Galicia.

Á marxe desta modalidade de teleformación, Política Lingüística convocou 62 cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega con carácter presencial.

Te puede interesar