con texto

A volta de Aitana

casamunecas1_result

Esta obra escrita en el 2017 por Lucas Hnath é a secuela de "Casa de Muñecas" de Ibsen. Comeza cunha chamada á puerta, a mesma porta que Nora pechou dun portazo 15 anos atrás. Está dirixida por Andrés Lima e protagonizada por Aitana Sánchez-Gijón

 

Sen actores, disimulade a obviedade, non hai teatro nin cine nin nada de nada. Ollo, sen unha función consistente tampouco hai nada que non sexa aire (arañas, diría miña madriña). Mais sen actores que paguen a pena a obra de teatro pouco tería que nos dicir. Vén isto a conta porque veño de ver a Aitana Sánchez-Gijón na xira que fai por España adiante con “La vuelta de Nora”, ese esforzo dun autor americano, Lucas Hnath, por seguirlle a pista a aquela Nora, protagonista de “Casa de bonecas”, do noruegués Henrik Ibsen.

Lembrará o lector que Nora deixa a casa logo de que os sacrificios polo seu home, Torvald, sexan premiados por este co desprezo meirande. Daquela Nora colle o fardel e lisca. Telón. E aí ficaba a cousa cun remate tan aberto cal a vida mesma.  O mellor se cadra, sería telo deixado como estaba, porque (díxoo JRJ para sempre “así es la rosa”) mais Hnath, autor nada rexeitable, optou por retomar a luva de Ibsen. De maneira que Nora volve, logo dunha vida azarosa, para pedir ese divorcio que Torvald nunca concedera, negándose a admitir (por razón que non fan o caso) que Nora segue tan viva como cando deixara o fogar (marido e tres cativos, un dos cales, femia, reaparece aquí, facéndose notar). O demais non o conto, para non exercer de “spoiler”.

Mais recomendo esta función, tan discutible como ben artellada (e dirixida, por Andrés Lima). Sobre todo pola presencia de Aitana Sánchez-Gijòn, facendo de Nora. E é que Aitana, no meu corazón xa para sempre Anita Ozores (naquela serie televisiva, de “La Regenta”, maxistral), está que se sae da viñeta. Porque acadou esa madurez, tamén no que se refire á beleza, que fai que esa muller valente, afoutada, bragada (que se dicía nun daquela non tan lonxano), chamada Nora brille con luz tan axeitada como propia. Ten Aitana unha locución pefecta, acompañada dunha gravidade que lle permite balanzar os seus pasos, ben vestidos con zapato alto e vestido longo, para que non se nos vaia da man o tempo en que, fins do XIX,  Nora liscou do lar do patriarca. Función feminista “avant la lettre”, tan visible hoxe. Tamén, por outras razón, esta segunda parte. A meirande, Aitana Sánchez-Gijón, afillada de Alberti e por iso o nome, partillado coa filla deste. Espléndida.

Te puede interesar