con texto

Anversos e reversos

Os da vida mesma. Tan vivificante ela, por definición, como treidora. Sobre todo para quen deciden vivila ao seu xeito, a maior abondamento nun país como o noso, tan macho, tan racial, que os gais, ata non hai moito, se non eran xulgados pola lei de “vagos e maleantes”, podían acabar chimpados na pía da praza da vila ou vítimas dos chantaxes de quen os sorprendían nos urinarios públicos tentando amores mercearios e, xa que logo, clandestinos. Todo isto xa é, ou debera ser, historia, mais segue a faltar quen o conte con rigor e talento literario. Certo que Luisgé Martín, autor deste libro, xa na segunda edición, que me tivo atarefado últimamente, dispón destas características.

Mais tamén, e logo dun mangado de novelas que avalían as súas posibilidades, dunha vontade trasgresora (e non pola súa temática, xa abordada ás claras por escritores como Terenci Moix ou Luis Antonio de Villena; en galego aínda non o fixo ninguén de xeito tan nidio) e –sobre todo- de non omitir aspectos en verdade cotrosos, que lonxe de aparecer aquí con apelacións ao morbo, ou xeitos choromiqueiros, enriquecen un docudrama ou –abertamente- novela que se le con fervor, non exento de empatía con Luisgé Martín, por riba –desde logo- dunha evidente curiosidade. E é que estamos diante dun libro “Diferente”, como aquela película de Luis M. Delgado (e Alfredo Alaria), así chamada, que se lle coara á censura da época (aquela escena do operario corpudo co seu taladro), que demostra non soamente a afouteza ou valentía do seu autor, senón que compre ter moito talento por parte deste para que a cousa non se derrame ou estrague no inferno das boas intencións. A historia que tan mal comeza, o rapazolo que se decata na súa pubertade de que a cousa non vai por onde quere a sociedade (Luisgé nace en 1962, crece nun ámbito aínda homófobo), acaba ben, cun matrimonio “legal”, nunha cerimonia concorrida, mais está chea de atrancos e obstáculos, razonados por Luisgé Martín con elegancia contundente (pleonasmo, sen dúbida). Un libro, pois, que é novela, mais que pode servir tamén como ensaio sobre usos e costumes dunha época moi superada. Pero que laia, cos seus urinarios, revistas “de tapadillo”, citas a cegas e por aí seguido. 

Te puede interesar