Rabo de nube

Bailando con Cohen

radar.leonardcohen.flickr_resultado
Poucos días antes da súa morte, Leonard  Cohen publicou o seu último disco en vida,  “You  want  it  darker”. nas mesmas sesións deixou rexistrados nove bosquexos de cancións inéditas, que foron completadas polo seu fillo Adam 

Máis escoito, máis leo (eis o caso dun escritor, que sendo bo, non acadou a meta que pretendía e mudou cantautor) a Leonard Cohen, máis conclúo que estamos nun cumio do século pasado (e parte deste). Cohen deixounos hai catro anos, e que desolación diante de home tan nobre, ¡ademais!, quen dixera que darlle o Nobel a Dylan era como condecorar ao Everest por ser o monte máis outo do mundo. Por iso. Por iso e moitas outras cousas amamos a Cohen e corremos alebrestados facernos co seu disco póstumo.

Con certo medo, tamén, sabendo que Adam Cohen, o fillo (a filla, tamén con Suzanne, Lorca), andivera arranxando un material que ficara no arquivo. E lembraba eu tamén ao fillo de Eça de Queiroz argallando no baúl das cousas que deixara inconclusa o pai, facendo unhas cantas falcatruadas. Non é o caso. Poisque Thanks for the dance, o choio derradeiro de Cohen, é moi, moi presentable. Sen desentoar, en absoluto, cos discos serodios ou de vellez do cantautor canadiano. Quen desta volta descarregara a munición letrista (súa) nas músicas de Adam Cohen. Agás en “The hills”, letra e música de Leonard. Quen en Moving on fai un “farewell”, se cadra a Marianne, aquel vello amor, morto meses antes da súa propia morte. E pois lorquiano, a filla –xa se dixo- chámase Lorca, a canción The night of Santiago é unha glosa purísima de La casada infiel. Digase tamén que Adam entra moi fondo, moi fondo no espírito paterno para deixarnos un mangado de cancións nunha liña estrictamente coheniana. Como non podía por ser menos e. diría eu, todos contentos. 

Cohen podía ficar feliz co resultante e os cohenistas, coma min, dígoo con fachenda, igualmente. Aquela fachenda coa que fóramos escoitar a Cohen, en Madrid, no Teatro Monumental outubro de 1974. Con Suzanne reiterada e The Partisan coreada ata a exasperación, no que tiña de proclama, en tempos de proclamación silandeira. Volveu Cohen, con disco póstumo, pero é que, en puridade, nunca terminara de se ir. Nunca coñecín a Leonard Cohen senón en discos e libros. Mais quen si o fixera, Bibiano Morón, quen o trouxera cantar a Ourense, falaba de todo un “gentleman”. Segue a selo. Tamén neste a xeito de despedida ou “farewell”, adeus definitivo, xa que logo. ¡E que mágoa!

Libro  Thanks for the dance  | EditorIAL Sony Music| autor leonard cohen| precio  15, 99 euros. 

Te puede interesar