RABO DE NUBE

A cadeira do académico

Este libro, tan intelixentemente divertido, demostra o poderío dunha institiución francesa que non soamente atura o paso do tempo senón que ten servido de modelo a outras similares.

Amin Maalouf é un escritor libanés con tantas raigames francesas que chegou (en 2012) a membro da Academia Francesa. Esa institución literaria con tanta “grandeur” que deu transmitido á RAE moita da súa parafernalia. (Da RAG nin sei nin quero saber, coidando no desprezo que manifesta cara ao inmenso Carvalho Calero). E sobre a Academia Francesa, e a súa cadeira número 29, trata este libro de Maalouf.

Quen para poñelo en marcha foi botar man dos seus predecesores. Aos que glosa con acerto e empatía por máis que moitos deles non deixen de ser hoxe sombra, po, “rien de rien”. Non todos, desde logo, que neste número 29 sentaron xente da talla de Claude Bernard, Renan, Montherlant ou o insigne antropólogo Lévi-Strauss. Xente, así e todo, ben diferente, o que demostra amplitude de miras por parte dunha institución modélica fundada por Richelieu, coa cousa de regularizar unha tertulia ventureira de escritores. Un faladoiro que xuntaba nun lugar concreto a xente tan dispersa como a música de certo grupo “progresivo”. E en progresión viaxa este manual de Maalouf. Caderno de bitácora para entender mellor de que vai certo sector da literatura francesa.

Tan rica, tan chea de cerimonia. Cal a que arrodea os actos de presentación dos novos académicos. Como, no seu momento, estes ocupantes da cadeira 29. Inaugurada por un tal Bardin, afogado no Sena por deixar o seu posto de salvamento ao seu tutelado, un marqués novo. Que, de momento, prosegue nun autor estranxeiro que escolleu o francés como xeito de expresión. Atal Ionesco, Beckett, Arrabal ou “tutti quanti” atoparon en Francia abeiro contra do trebón, “shelter for the storm”, cantaría Dylan, namorado platónico de Brigitte Bardot, namorado efectivo de Françoise Hardy. “Vive la France”, xa que logo, é algo máis que unha proclama nacionalista, senón universal. E este libro, tan intelixentemente divertido, a categoría de Amin Maalouf vén servida cunha chea de anécdotas, demostra o poderío dunha institiución francesa que non soamente atura o paso do tempo senón que ten servido de modelo a outras similares. Libro, xa que logo, para todos, “malgre” os Cailhava, MIchaud, Flourens que nada din hoxe. Senón a través de Amin Maalouf.

Te puede interesar