Lamatumbá volve tras doce anos no Xoldra de Pereiro de Aguiar

Lamatumbá
photo_camera Lamatumbá
Lamatumbá é un dos grupos que estará este domingo no Xoldra de Aguiar

Coa xira “Xa nos tardaba!!!”, Lamatumbá volve tras doce anos para reencontrarse cun público fiel e sumar novos adeptos a unha música que é sinónimo de festa e alegría. “Lamatumbá sempre gostou de fozar en calquera estilo de música que fixera mover o corpo”, afirma Toño Iglesias, guitarra do combo que mostrará en vivo que está en forma el domingo 30 de xullo no Pereiro de Aguiar.

Lamatumbá é “unha palabra inventada”, segundo o mesmo Toño, pero o público galego fíxoa propia, como ao grupo: “Moita xente ‘galeguizou’ o nome, e hai moita xente que fala d´A Matumbá. Cada quen nos chama como lle peta, e nós encantados”.

Por que Lamatumbá desapareceu da escena e por que regresou?

Cando paramos, no 2011,levabamos xa uns anos cun ritmo de traballo importante. E a eso hai que engandir que o funcionamento dun grupo de nove persoas faise bastante complicado a todos os niveis. Todo esto acaba xerando desgaste. E, aínda que moita xente non entendeu que pararamos, estando o grupo nun momento moi bo, preferimos parar antes de que ese desgaste se notase no noso traballo, ou mesmo nas nosas relacións persoais. Pero nestes doce anos, cada vez que nos xuntabamos, normalmente ao redor un bo churrasco, acababa saíndo aquela de “pois molaba facérmonos un veraniño”, para matar o bicho e lembrar aqueles anos que tanto disfrutamos. E, ao final, a conta da inclusión de varios temas de Lamatumbá na banda sonora da película “Cuñados”, decidimos que, de querer facelo, o momento era este. E aquí estamos, pasándoo pipa.

Como imaxinan que será o seu público de hoxe? Poderán sumar un público novo que adoita interesarse por a música urbana ou o reguetón?

Nos concertos que levamos feito ao longo do verán estamos vendo que hai unha mistura. Hai moita xente que nos seguía daquela, pero tamén hai moita que, cando paramos, era moi nova para ir a festivais ou a concertos, pero nos coñecían porque os seus pais nos escoitaban na casa, no coche… E logo está a xente que non sabía nin que existiamos ou que, como dis ti, son máis doutro estilo de música, pero nese caso a nosa mellor arma é o directo, que segue a ser tan potente coma no 2011, ou se cadra máis, que o tempo todo o asenta. E, ao fin e ao cabo, Lamatumbá sempre gostou de fozar en calquera estilo de música que fixera mover o corpo. Non tería sido nada descabellado que daquela nos meteramos a facer un reguetón, ou algún tema con arranxos máis urbanos, que algún houbo, pero non se deu o caso.  

Te puede interesar