"Las palabras justas" del diario de Milena Busquets

Lector consumado, e pouco consumido, desta dona, que ceiba reflexións no ceo como quen aturuxa

Raro é o día no que as novidades literarias non nos ameazen con dietarios, diarios, notas soltas agrupadas en libro, de canto escritor desexa facernos saber cousa bule no seu maxín atarefado. Raro tamén quen nos ilustre con productos orixinais, con choios que ultrapasen a fronteira da banalidade, disfrazada -iso si- dun pretendido estilo, dun estar “á la page”, esquecendo que nada máis antinatura que recontar os pasos dados, e moitas veces perdidos. Quero dicir con isto que os Jules Renard son moi poucos, e audaz quen se pregunte en público, nun apunte de diario, de quen foi a idea de ser soterrada cun libro do seu home, de Almudena Grandes ou do seu xa viúvo.

Collo esta nota de “Las palabras justas” ao chou para que o lector entenda un pouco de que vai un libro que, sen ánimo “provocateur” (mais que provoca), prende na mente de quen o le unha chama de curiosidade. Aclaro que este libro, na edición que manexo, vai xa pola quinta, tan só entre xuño e novembro de 2022. Demostrando non sei se é que o xénero está vivo, ou é a propia Milena Busquets, resulta máis qu viva, vididora. Porque iso é o que fai, vivir a mancheas, esta dona, namorada sucesiva, como dixo o outro, nai igualmente continua e filla que pon á nai morta no seu sitio. Ao pai, tamén, pero sendo moito menos chamativo ocupa pouco espazo.

A familia, a sagrada, e na parede pendurada, cal dicía o outro, diferente ao anterior, supoño. Igual que as relacións anteriores a ese J, non sabemos se feliz ou coitado por aparecer no libro (Milena divide aos homes nesas dúas categorías, os que si, os que non), un tipo do que a Busquets confesa non poder botar apenas tempo sen recibir mensaxes súas. E que ben a entendemos, non sei se moitos, pero si algúns entre os que me conto. Lector consumado, e pouco consumido,  desta dona, que ceiba reflexións no ceo (barcelonés ou madrileño) como quen aturuxa. Respectando  a norma de non cansar ao lector, nin tan sequera pretender lévalo ao curral onde García Márquez termina por ser pesadísimo e Milena acepta ir a un congreso en América, só se lle pagan clase “business”. Dinlle que está é soamente para autores vellos ou con problemas de mobilidade. E vai e di que daquela non vai. Co mesmo xeito  que pon ao escribir este diario.

Te puede interesar