Literatura

Torpe aliño machadiano

Ángel Petisme

"A camisa de Machado" obtivo o Prix International de Litérature Antonio Machado 2019. Unha poesía comprometida que expande o seu espazo-tempo con brío e ironía mordaz, sen maquillaxe

“Ya conocéis mi torpe aliño indumentario”, neste alexandrino perfecto do seu moi coñecido “Retrato”, definía con xeito Antonio Machado o seu desaxeitado aspecto. Non sabemos se tan desastrado como o pintan algún dos seus coetáneos (Gómez Carrillo non o quería nin ver polo consulado guatemalteco en París porque facía liscar aos visitantes); as cousas que del dicia, do seu físico, JRJ, mellor non mentalas) mais non precisamente un dandi.

Entre iso e as circunstancias bélicas, pouco proclives á elegancia non sorpenderá que, xa en Collioure, a sua derradeira morada Antonio botase man da camisa do seu irmán José, por carecer dunha propia. Isto é o motor de arranque do último libro de poemas do cantautor (e poeta, desde logo, ás veces, non sempre, pleonasmo) aragonés Ángel Petisme. Un home comprometido coa realidade vital. Dos que fan seu o vello dito machadiano, aquel que falaba da poesía como “palabra no tempo”. E ollo que semellante compromiso, xa sabemos de que está empedrado o solo infernal, pode traer unha chea de ruindades (poéticas). Non é certamente o caso. 

Pois Petisme coñece moi ben o valor da estética, esa que se contrapón ao sentimento ético, e poucas veces cae na tentación de rebaixar un contido alto cun continente de vóo raseiro. Cousa que acontece nalgún dos poemas da sección derradeira deste volumen, moi ben maquetado, que acadara o “Prix International de Litterature Antonio Machado 2019”. Un libro que se fecha, anafóricamente, coa mesma camisa con que comezara. A que vindo de José, cal vemos no primeiro poema, acaba no peito grande de Antonio. Nos días en que deixara no peto do gabán, atopado polo propio José, o alexandrino derradeiro: “Estos días azules, este sol de la infancia”.

Petisme fai que leamos este volume da súa autoría coa mesma emoción alporizada con que sabemos de canta falcatruada fan os (in)humanos nese Mediterráneo, o mesmo de Collioure que se expende e abarca Grecia ou Gaza, tamén baixo da lente de Ángel Petisme. Por universal el tamén sucesor, glosador de Antonio Manchado. A quen algún chama “El Bueno”, contrapoñéndoo –falsamente- a Manuel, irmán queridísimo. Outra historia. Con Kipling, merecente de outro lugar para ser contada.

Te puede interesar