LA REVISTA

O transformismo á escena

Antes, aí atrás, senón que pronto fará medio século, para mudar de sexo (aínda que non fose máis que no hábito que non nos hábitos ou costume) compría que fose Antroido

Antes, aí atrás, senón que pronto fará medio século, para mudar de sexo (aínda que non fose máis que no hábito que non nos hábitos ou costume) compría que fose Antroido. Ou ben rular (máis ben rolar) por ámbitos nada aconsellabeis. Ou -en última instancia- ser Ismael Merlo facendo de Bernarda Alba. Hoxe, os tempos teñen mudado, e moito, os travestis (ou travelos) teñen libertade de movemento. E a Seguridade Social ocúpase de operacións de troco de sexo sen problemas.

Home, de cando en vez pasan cousas, e algún sector asocial sae nos medios por negarse a admitir o admitido (en países humanistas e democráticos, pleonasmo nidio), chegando ás veces ao dano irreparable. Outra historia, claro. Porque eu hoxe quería falar do transformismo (eis a palabra) de Andoni Ferreño na función que veño de ver (en Madrid, no Muñoz Seca), chamada El clan de las divorciadas, de moitísimo éxito en París, escrita por un autor belga, Alil Vardar. A función, dígase xa, non é nada do outro mundo. Senón o tratamento en plan “grand guignol” ou sal gordo, do tema “déjà vu” de tres mulleres recén divorciadas que se agrupan nun apartamento alugado entre elas.

Os seus xeitos procuran a comicidade por contraste, xa saben Laurel e Hardy, Quixote e Sancho, etc. Unha das mulleres, interpretada por Esperanza Elipe, anódinamente frustrada, outra, estranxeira ao borde da histeria almodovariana, Vanesa Romero e unha terceira, sumamente masculina, a que pon no escenario Andoni Ferreño. Un bo actor, escurecido se cadra pola súa fama de “guapo” televisivo, tan parecido polo demais a Toni Cantó. Nesta función a graza (dramática) está en que Ferreño en canto de feminizar a súa voz e acenos o que fai é manter os que lle son propios.

Eis, daquela, para min (que o público ría en xeral co sal gordísimo da proposta, sobre todo coas alusións procaces “ma non troppo”) o mellor da función. A lección de transformismo que nos da este actor dúctil ou camaleónico. Transformismo, a arte de transformar a realidade, da maneira máis transgresora. Por máis que os tempos xa non son o que eran, segue admirándonos a muda de sexo aínda que, xa se dixo, o cambio de Ferreño non sexa traumático. Pero si dramático. Outra historia, sen dúbida.

Te puede interesar