LITERATURA

Unha muller espida

leger
A narradora deste feiticeiro relato topase por casualidade cunha das fotografías de “la Castiglione” e inicia unha indagación sobre o destino dunha muller que se converteu nun absoluto enigma a forza de mostrarse ata a extenuación

Poucas persoas con meirande capacidade exhibicionista que a condesa de Castiglione, muller fermosísima, amante de moitos homes (o máis célebre, Napoleón III) quen pousara reiteradas veces, setecentos retratos cando menos, para o fotógrafo Pierre Louis Pierson, xunto a Nadar o máis coñecido cando a arte da fotografía apenas estaba nacendo. Ela, Virginia Oldoïni, consciente da súa fermosura, optara por exhibila, en todos as maneiras e conceptos, deixando para a posteridade o que doutra maneira sería desfeita corrompida nunha fosa. Por moitos cans disecados (dous) que con ela fosen á cova, e toda unha chea de xoias que acabarían subhastadas. 

Nathalie Léger, ensaísta, comisaria de exposicións, directora dun instituto de memorias da edición contemporánea, batera con todo este mangado fotográfico optando por facer del un libro (cáseque unha novela, por máis que con só dous personaxes, Virginia e a propia Nathalie) no que Léger ceiba os seus demos familiares. Daquela esta sería unha obra de autoficción (chamativo oxímoron) pero cun espello posto diante outro, e no medio estas dúas mulleres. Ben entendido que Nathalie, admiradora ás claras de Virginia, Virginicchia, Nicchia, “Darling Beauty”, Condesa de Castiglione desde os dazaséis anos, voz rouca, imperiosa, emprega a esta como catapulta desde a que se proxectar. Ou ao menos deixar que se mova a través dela a súa propia nenez, de cativa agachada entre da silveira, enfocada pola cámara paterna. Boa maneira a de Nathalie Léger de autoanalizarse, co seu adorado Roland Barthes, centro dun dos seus ensaios, como albo ao que dirixir algunhas das súas frechas.

E poisque viaxamos polo segundo imperio non poden faltar Flaubert nin Baudelaire, tampouco Nadar (xa se dixo) fotografando París desde un globo aerostático. Un París onde Eiffel comeza erguer a súa provisional (ía selo, logo pasou ser símbolo como ás veces acontece con belezas, nun principio efémeras, así a de Virginia) torre. Un conxunto pois, este libro, de feitos documentados e outros que Nathalie Léger imaxina con pluma demoledora. Como a personalidade da condesa de Castiglione, tan digna de coñecemento ou, eis o caso, de ser revisitada. Con nós fica.

Te puede interesar