O certame literario das Letras Galegas de Verín conclúe con 36 premios

photo_camera Inicio da gala. (Vídeo: C.C.).
A gala acolleu un recital con soporte audiovisual sobre Delgado Gurriarán

O Auditorio de Verín acolleu este xoves unha gala consagrada na vila do Támega: a entrega de premios dos certames literarios de poesía Xosé Carlos Caneiro e relato curto Antonio Fernández. Iso si, este ano cunha novidade: un recital poético-musical en honor a Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2022. 

O acto estivo inaugurado polo actor valdeorrés Paco Campos levou ao escenario unha serie de poemas de Gurriarán para facer un percorrido polos momentos vitais da súa vida, que estiveron complementados cun soporte audiovisual elaborado polo director valdeorrés Domingo D. Docampo. 

E tras a cita máis musical, chegou o momento de entregar os premios aos gañadores do concurso. En total, 36 alumnos de catro centros educativos de Verín -María Inmaculada, Mercedarios, Amaro Refojo e Castro de Baronceli- foron finalistas dos certames. Todos eles recibiron un diploma e un lote de libros, mentres que os alumnos que acadaron o primeiro, segundo e terceiro posto tamén foron agasallados cunha compensación económica.

Os gañadores nas diferentes categorías -5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO, e 3º e 4º de Secundaria- do certame de poesía foron Diego García, do María Inmaculada, Lucía Ramírez e Saray Alonso, ambas dos Mercedarios. Pola súa banda, os galardoados no concurso de relato curto foron Catarina Castro, do Amaro Refojo, Marta Corral e Leyre Esteban, ambas do María Inmaculada. Estes mozos leron os seus traballos para os presentes na gala, pero ademais, o Concello publicaraos en redes.

Te puede interesar