ENTREVISTA

"Creo máis na profesión actoral como oficio que como alfombra vermella"

O actor e creador galego, Ricardo de Barreiro.
photo_camera O actor e creador galego, Ricardo de Barreiro.
O actor galego Ricardo de Barreiro visitará Verín este sábado, 11 de xaneiro, para presentar “A+A”, un audiolibro a través do cal realiza “unha viaxe extraordinaria pola marea máis suxestiva e bravía: o amor”.

Coñecido polos seus papeis en producións audiovisuais de grande éxito como Matalobos, O sabor das margaridas ou Fariña, Ricardo de Barreiro (Lousame, A Coruña, 1974) posúe outras facetas artísticas como a pintura ou a escenografía máis intimista, nas que está inmerso nestes intres. O actor galego visitará Verín este sábado, 11 de xaneiro, para presentar “A+A”, un audiolibro a través do cal realiza “unha viaxe extraordinaria pola marea máis suxestiva e bravía: o amor”. Antes, mañá venres, estará en Viana do Bolo. A  proposta, que xa foi descuberta por máis de 900 espectadores e da que se venderon 600 exemplares, apela aos sentimentos e ás sensacións do público adulto.

Que é “A+A”?

É unha viaxe extraordinaria porque se fai a través dos sentidos. É unha idea que xurdiu cando decidín apartarme un pouco da vida actoral e máis televisiva, para estar, durante un ano, cun proxecto de índole persoal. Quixen facer un audiolibro ben presentado, elegante e potente que reunise a miña faceta pictórica -120, das 200 páxinas, son ilustracións- e varios poemas. A+A conta a historia de amor entre dúas persoas anónimas que se atopan un día e deciden contar a súa historia anónima de amor, sabendo que as relacións e a vida non sempre son de cor de rosa. Non sempre se está na cresta da ola. Cando o estás, surfeas, pero cando a ola che come, o máis fácil é naufragar. O audiolibro está feito no estudio do meu amigo Guillerme Fernández, guitarrista mítico deste país. 

En galego... 

Si, claro. Aínda que traballei máis como actor fóra de Galicia que aquí, a miña lingua, a lingua na que sempre me expreso e na que me educaron, é o galego. 

Con que se vai a atopar o público en “A+A”?

É algo moi íntimo e moi especial. A xente que participou, ata hoxe, non sabe definir o que viu. Nin tan sequera nós o sabemos definir moi ben (ri). Non é unha presentación ao uso dun libro, é máis ben unha “performance”, pero tampouco ao cen por cen. O que se crea é un ambiente de meditación, algo moi bonito. 

“A+A” ten xa segunda edición. 

Si, de feito levamos feitas unhas 45 presentacións. Cando cumprimos 11 meses de “performances”, rematouse a primeira edición. Decidimos facer unha nova e así me din outro ano de alonxamento da vida máis pública. En Ourense cidade tivemos unha das mellores acollidas, en Verín e Viana serán ás primeiras paradas. 

Que o levou a afastarse en certa parte do mundo da actuación? 

Levaba moitos anos traballando. Sempre fun unha persoa que todo o tivo que "guisar e comer" só. A actuación é unha profesión dura. Levaba ducia e media de películas, outro tanto de series, e chegou un momento, co pasamento de Xosé Manuel Olveira Pico, no que perdín un pouco a ilusión. Tamén me afectou a perda do meu pai e necesitaba parar. Volvín tamén á pintura, que é a miña terapia. Inspírame de cara ás miñas outras facetas como actor e creador.

Que supuxo Fariña para vostede? 

Foi moi divertido facela e supuxo unha aposta a todos os niveis de produción. Foron moitos meses de traballo. 

E “O sabor das margaridas”? 

É un traballo que quero nomear especialmente porque me parece que, xunto con “Fariña” ou “Matalobos” e á marxe de que eu estivera ou non, son proxectos dos que nos podemos sentir moi orgullosos como galegos.

O feito de que ambas producións estean en Netflix, ¿esta a proporcionarlle moita máis visibilidade? 

Si, hai máis posibilidades de que te vexa a xente. Sen embargo, non te vou a mentir, sempre me sentín un pouco incómodo na vida pública. Eu creo máis na profesión actoral como oficio que como alfombra vermella. 

Te puede interesar