MONTERREI

Tres días de medo en Verín para a festa de difuntos

Concello e hosteleiros colaboran nunha iniciativa con actividades de xoves a sábado

A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, acompañada de representantes da Asociación de hosteleiros da comarca de Monterrei presentaron un conxunto de actividades lúdicas, culturais e gastronómicas que terán lugar no denominado "Fin de Semana de Medo", os días 29,30 e 31 de ste mes, para celebrar o Samaín. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Verín coa colaboración da entidade empresarial.


Emilia Somoza declarou que a posta en marcha deste evento pretende, por unha banda, incentivar a oferta de lecer do municipio e, por outra, "dinamizar o comercio mediante actividades que atraian ao maior número de persoas". A concelleira quixo agradecer a colaboración altruísta da Asociación de Mulleres Rurais, as mulleres do club da calceta, a hostelería, os alumnos do IES Xesús Taboada Chivite e moitas outras persoas anónimas que co seu gran de area fan, di, posible este evento.


A celebración comezará o xoves a partires das 20 horas nos locais de hostelería cunha xornada temática do seu Pincho Xoves pero denominada Pincho Medo. 
A música será protagonista da xornada do venres, cunha discoteca móvil dende as 18 ás 23 horas. Por último, o sábado pola tarde, dende as cinco, os máis pequenos poderán gozar na Praza Maior dunha xornada de "terroríficas actividades". Un posto de maquillaxe facial con aerógrafo, un taller de chapas e un teatro de títeres amenizarán a tarde.

E a partir das 23 horas, a Praza Maior  converterase no epicentro da noite de medo. Todas as persoas que se atrevan poderán unirse á procesión da Santa Compaña, que percorrerá as rúas do Casco Vello. Durante o traxecto os asistentes vivirán arrepiantes sorpresas. Ao terminar o percorrido, de volta á Praza Maior, un bruxo realizará na Praza  o conxuro da queimada. 

Te puede interesar