O Extruga Festival celebrará en agosto a súa quinta edición

image (1)
photo_camera Imaxe da edición do 2022 nun concerto en A Preguiza.
A zona de A Preguiza de Verín acollerá a cita multidisciplinar durante os días 25, 26 e 27 de agosto 

O Extruga Festival, un evento multidisciplinar que engloba deporte, música e arte, ven de anunciar a súa data para esta edición 2023: os días 25, 26 e 27 de agosto na zona verde de A Preguiza, en Verín. “A localidade converterase no centro de atención cultural durante eses tres días”, sinalan dende a organización. 

Máis alá de  A Preguiza, o Extruga tamén se desenvolverá nas instalacións deportivas do Skate partk e na praia fluvial do río Támega. De carácter gratuíto, o festival contará con tres xornadas musicais onde se combinarán artistas consolidados do panorama nacional con artistas emerxentes locais do mundo urbano. 

“Un ano máis o festival será unha das nove sedes da Liga Xunta Break de Galicia organizada pola entidade Vella Escola de cara as olimpiadas 2024”, recordan dende a organización do Extruga, que tras o éxito do I Concurso de Bandas Emerxentes do pasado ano, este 2023 repetirase o certame nunha segunda edición onde se outorgará un premio económico e a actuación no propio evento. 

Máis alá de levar a Verín “moitas novidades en comparación con outras edicións e colaboracións únicas para estes cinco anos”, declara Hugo Salgado, organizador do festival, o Estruga tamén acollerá unha xuntanza deportiva, a zona de mercadiño e de foodtrucks, máis alicientes para desfrutar deste evento multidisciplinar. 

Te puede interesar