Campaña de sensibilización do 25N

A Mancomunidade de Monterrei lanza Faro Violeta, un documental sobre a prostitución

faro violeta
photo_camera faro violeta
O documental busca concienciar á sociedade da realidade da prostitución e da trata de mulleres e nenas

"Esta historia comeza lonxe, seguramente nun lugar onde ningunha delas querería estar, pero tampouco no lugar onde están agora mesmo. Moitas delas seguen esperando a poder voltar, pero sen saber se chegará ese momento. Quitáronlles todo o que tiñan de valor facéndolles crer que o seu corpo é o único que teñen valioso, é o único do que poden vivir". 

Así comeza Faro Violeta, un documental do Centro de Información á Muller (Cim) da Mancomunidade de Monterrei. O traballo aborda a prostitución e a trata de mulleres e nenas, unha realidade da que "nunca falamos", apuntan dende o centro. 

Con motivo do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, as traballadoras do Cim lanzaron o teaser de Faro Violeta, que pretende sensibilizar sobre esta forma de violencia contra as mulleres e tamén para dar a coñecer a labor que realizan estas entidades na asistencia a vítimas de violencia. 

Faro Violeta é unha das ferramentas que emprega o Cim nas súas campañas de sensibilización comunitaria, a que consiste na elaboración de documentais, pezas de teatro, estudos e investigacións universitarias, entre outros.

"Un faro que dea luz a quen non quere ver", é o fin último deste documental, o que se presentará proximamente e viaxará dun lugar a outro, concienciando á sociedade da lacra que supón a prostitución e a trata. 

Te puede interesar