A II Festa da Vendima volve ao Castelo o 14 de outubro

Monterrei. 22/10/2022. Festa da Vendima no Castelo de Monterrei.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Primeira edición da Festa da Vendima no Castelo de Monterrei. Foto: Xesús Fariñas.
A cita aunará labores vinícolas, música, comida e unha feira agroalimentaria

Tras o éxito do pasado ano, o Concello de Monterrei decidiu volver a organizar a Festa da Vendima, que volverá a encher o Castelo de Monterrei de ambiente, tradición e viño. Así, celebrarase a segunda edición desta cita comarcal o próximo 14 de outubro na entrada da fortaleza.

A cita busca promover a riqueza vinícola, patrimonial e turística da comarca de Monterrei, pero ademais, tamén poñer enn valor as tarefas vinícolas como se realizaban hai décadas: co transporte das uvas nos carros cos machos e o pisados das mesmas, entre outras prácticas para a confraternización. Esta romaría tamén traballa para o impulso da economía local, polo que contan cunha feira de produtos agroalimentarios da contorna.

Baixo esta premisa, a segunda edición desta Festa da Vendima, que quere consolidarse na axenda de actividades comarcais, comezará ás 11,30 horas coa apertura da feira agroalimentaria. Será ás 12,00 horas cando comezará o folión dos carros cargados das uvas dende o bacelo do Antigo Convento dos Franciscanos -a finca do Inorde- ata o epicentro da Festa da Vendima, acompañados de gaiteiros e cantos tradicionais. 

Música e xantar

Co pisado de uvas quedará inaugurada a festa e pasarase ao desfrute dos presentes. Como non podía ser doutra maneira, a música non faltará. A partir das 13,00 horas, o Castelo acollerá a actuación dos grupos tradicionais Castro Floxo, Rancho Portugués e Gaiteiros de Flariz. Pola tarde será a quenda de bailar co grupo A Roda. 

Os veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun xantar popular con porco ao espeto e degustación do viño da DO Monterrei por un prezo de 5 euros. 

Te puede interesar