Ocio

O 10% das ganancias de "Conquista Verín" destinaranse ás persoas máis desfavorecidas

photo_camera Presentación de "Conquista Verín". (Vídeo: Concha Caneiro).
O xogo sairá á venta o 25 de abril por un prezo de 26 euros

Caldeliñas -en Verín- acolleu este venres a presentación oficial de "Conquista Verín", un xogo de mesa para toda a familia -similar ao tradicional "Monopoly"-, no que se concentran as rúas máis representativas da vila do Támega, así como diferentes establecementos que colaboran coa iniciativa.

Os creadores da idea, José Antonio Quintas e María Domínguez, estiveron acompañados na cita por Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos do Concello de Verín, Lara Da Silva, presidenta da DO Monterrei, e José Ángel Rodicio, xerente da Asociación de Empresarios de Verín (Aever), como representantes dalgunhas das entidades colaboradoras. 

Na presentación, Quintas e Domínguez anunciaron que un 10 por cento das ganancias obtidas coa venda do xogo irán destinadas a axudar ás persoas máis desfavorecidas de Verín, a través dos servizos sociais do Concello.

María Domínguez, que se encargou da labor de preparar tarxetas, diseñar diferentes partes do taboleiro e da labor de buscar patrocinios xunto con Quintas, explica que "o xogo caracterízase por estar totalmente ambientado na zomarca, con cartas que representan os nosos lugares e situacións que nos farán rir". 

Este xogo de mesa, que estará á venda a partir do 25 de abril e que contará nun primeiro momento con 300 unidades pode mercarse por un prezo de 26 euros, reservándoo "a través dunha app e en varios comercios colaboradores da vila que funcionarán como puntos de distribución", destaca Quintas.

Pola súa banda, Emilia Somoza, quixo destacar a orixinalidade do proxecto, así como a súa potencialidade como "ferramenta visibilizadora do propio patrimonio da nosa vila", e dos comercios locais que colaboran na iniciativa. "Neste caso o Concello realizará unha colaboración económica a través do financiamento anual achegado a Aever, quen decidiu destinar parte destes fondos a apoiar a iniciativa", concluye a conselleira de Cultura.

José Ángel Rodicio quisxo amosar o apoio que a Asociación ofrece ás iniciativas de índole local que fomentan a vila e salienta que "vimos nesta orixinal iniciativa unha gran oportunidade para dar visibilidade ao comercio local da vila, así como de estar presentes nos momentos de lecer familiar dos verinenses e verinensas". 

Te puede interesar