Seminarios

A casa da cultura de Verín completa aforo coas xornadas "Camiños de coñecemento"

Camiños de coñecemento charlas verín
photo_camera Este xoves comezou o IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da USC en Verín. (Foto: cedida).
Falarase de Dereito, Criminoloxía, Historia, Educación e Patrimonio

O salón de actos da Casa da Cultura de Verín acolleu esta mañá a primeira cita das xornadas organizadas polo IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Concello

No acto inagural -co aforo da sala completo-, Ana Moure Soengas, docente responsable de impartir o primeiro seminario dedicado á Criminoloxía e a Política Criminal, estivo acompañada por María Esther Olveira, directora deste IV Ciclo.

Olveira quixo agradecer ao Concello de Verín a súa implicación co proxecto: "Grazas por liderar a iniciativa, difundila e facela chegar a toda a cidadanía do municipio". 

Así, este programa, que leva por título "Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do Coñecemento", está dirixido a persoas maiores de 50 anos e distribúese ao longo de tres xornadas nas que se inclúen seminarios sobre temáticas diversas e sesións prácticas.

As personalidades docentes que forman parte das xornadas e que impartirán os coñecementos son Carolina Casal, Cristina Calle, Alexandre Sotelino e Ana Moure, todos docentes da Universidade de Santiago.

Programa

Nesta primeira toma de contacto, na rolda da mañá falouse da introdución á Criminoloxía e Política Criminal, mentres que nas docencias da tarde se realizan actividades de resolución de casos prácticos e análise de "pegadas dactilares". 

Na quenda do venres, tratarase a Cultura Folclore e educación para entender como construir a identidade dende a tradición. E a tarde realizarase un obradoiro sobre o uso dos recursos cotiás na creación artística, "A Cociña Musical".

Para rematar este IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores, o sábado chega co seminario "das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troqued douro... Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Verín", mentres que á tarde se fará unha visita ao Museo Claustro Mercedario.

Te puede interesar