Nova formación en Verín: poda e coidados das árbores froiteiras

itinerarios integrados Portas Abertas verín
photo_camera O curso de Portas Abertas sobre poda en viñedo a pasada edición.
O Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas lanza este curso, dentro do programa Itinerarios Integrados contra a Despoboación

O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) Portas Abertas de Vilardevós lanza unha nova formación dentro do seu programa de Itinerarios Integrados contra a Despoboación: poda e coidados de árbores froiteiras. Inclúe, ademais do curso -opcional-, orientación e asesoramento individualizado, acompañamento á inserción sociolaboral e emprendemento sostible. 

Esta nova acción, gratuíta, está dirixida a desempregados, traballadores, mozos do rural, ou interesados no emprendemento. Para participar no curso de poda é preciso recibir a orientación e acompañamento. Ademais, formaranse en sensibilización medioambiental e en igualdade de oportunidades.

Os interesados nos Itinerarios  -dentro do programa Poises, a través de Coceder- poderán inscribirse durante xaneiro en Portas Abertas. A formación de poda e coidados de árbores durará 20 horas e estará impartida por Nelson Fernández, enxeñeiro técnico agrónomo. 

No tocante á orientación, da que se encargará Lucía Aparicio, psicóloga e orientadora de Portas Abertas, tratan de amosar que a isto “non é un mito”. A través da orientación, Aparicio coñecerá a traxectoria, factores externos, obxectivos, emocións, capacidades e motivacións de cada participante, ao que ofrecerá asesoramento para a busca de emprego de maneira eficaz e conseguir resultados. 

“Nos Itinerarios Integrados estamos continuamente en contacto coas empresas, cos centros de formación e cos axentes sociais para detectar necesidades e transformalas en ofertas de emprego para as persoas participantes”, asegura a orientadora de Portas Abertas, quen afirma que o programa dá os seus resultados.

O pasado ano, nun curso de poda e enxerta, nove persoas participantes atoparon traballo no mesmo sector. “Son a maioría, os outros participantes xa traballaban”, explica Aparicio, quen percibiu que coa formación “nun momento no que outros sectores como a hostalaría estaba parada, aprender técnicas de poda, xusto antes da contratación de moito persoal para preparar as viñas, fixo que persoas que doutra maneira houberan quedado en desemprego se mantiveran activas a pesar do impacto do coronavirus no mercado laboral”. 

Te puede interesar