CON BASTÓN DE MANDO

Luciano Rivero: “Quen gasta o diñeiro non son os concellos"

luciano 2
photo_camera Luciano Rivero, ante o monumento dedicado á súa nai, Marina Cuquejo.

Luciano Rivero Cuquejo afronta o 24 de maio a súa terceira cita coas urnas no Concello de Cualedro. Goberna no mesmo desde 2007

Luciano Rivero Cuquejo afronta o 24 de maio a súa terceira cita coas urnas no Concello de Cualedro. Goberna no mesmo desde 2007. Logo da morte en 2006 da súa nai, Marina Cuquejo, persoeira emblemática da política ourensana das últimas década do século pasado, que foi reelexida alcaldesa durante 27 anos seguidos, Luciano encabezou a candidatura do PPdeG nas eleccións do 2007, conseguindo unha cómoda maioría absoluta, que mantén na actualidade.

Cómo condiciona este final de mandato o feito de que tivera que renunciar á súa acta de deputado provincial?

É un momento duro, pero teño a conciencia tranquila. Xa dicía o secretario da Deputación no seu informe que todo foi debido a un erro administrativo, que non hai ningunha ilegalidade, un erro entre a Deputación e a gasolinera Abrea Cuquejo, que é a empresa na que eu participo cun 16%. Teño a conciencia tranquila e como dixo o presidente da Xunta, agora son os veciños os que teñen que decidir se están contentos coa miña xestión e eles decidirán o 24 de maio.

No informe extrapolábase tamén o problema da venta de carburante ó Concello.

Eu teño un 16% da empresa pero nin son administrador da mesma e nin a través do Concello ou da Deputación lle din orde aos chóferes para que repostaran nese surtidor. Reitero que foi un erro administrativo. Eu nin estou imputado nin procesado. A diferencia entre a Deputación e Concello é que na primeira temos un Código Ético e no Concello non, un Código que nos gustará máis ou menos, pero por coherencia teño que acatalo, pois aprobouse co meu voto e por eso decidín apartarme para que a Deputación siga funcionando.

Que balance fai destes anos marcados pola crise?

Son momentos difíciles, sobre todo para facer grandes proxectos. Neste mandato dedicámonos a sanear as contas do Concello. Non lle debemos un euro aos bancos. Temos as vías municipais en bo estado e estamos facendo un gran aforro no alumeado público.Mantemos os servizos sociais e os servizos básicos dos pobos. Tamén apoiamos moito o emprego, con fondos propios, e as obras que solicitamos á Xunta facémolas por administración e contratamos a veciños nosos. Así, por exemplo, as obras que facemos co canon eólico que recibimos por un parque que hai no Larouco as realizamos con traballadores daquí. Tamén mantemos con fondos propios brigadas para abordar traballos e pequenas actuación nos pobos.

Cales son os eixos polos que pasa o futuro de Cualedro?

Polo sector primario e o turismo. O sector primario abarca agricultura e gandeiría, xa que temos moitas explotacións, pero precisan máis axudas. O pastizal de diñeiro que a Administración se deixa na extinción de incendios debía dedicalo a darlle axudas aos gandeiros e aos agricultores, para que tiveran limpo o monte, e tamén había que apoiar máis polo sector forestal. Tamén apostamos pola Denominación de Orixe Monterrei e estamos ó final do túnel que nos permitirá incorporarnos á mesma. En canto ó Turismo, estamos a facer un esforzo para revitalizar os castros, sobre todo o de Saceda, que é o gran emblema do Concello, polo que tratamos que a Administración se implique máis na súa revalorización e interveña no mesmo a través do 1% cultural.

A perda de poboación é un forte lastre tamén para Cualedro?

A situación é complicada, pero non depende dos alcaldes. Aquí, como no resto da Galicia interior, perdemos poboación a un ritmo axigantado. Cando cheguei a alcaldía en 2007 éramos 2.400 habitantes e hoxe somos 1.700. Había que apostar máis polo rural, pero eso depende dos de arriba, fomentar de verdade que a xente se quede no rural, cun apoio serio.

Ante esta situación, é partidario da fusión dos concellos?

A fusión dos concellos será totalmente negativa. O problema do gasto non está nos concellos. Coa crise, Madrid e Santiago apretáronnos e enseguida puxemos as contas ó día e estamos saneados. Quen gasta o diñeiro neste país non son os concellos, senón as comunidades autónomas sobre todo. Somos a administración máis próxima ó cidadán e cando calquera da pé ten un problema, ó primeiro que se dirixe é ó seu alcalde, para ver se llo pode solucionar.Eu apostaría máis por unhas políticas centralizadas no Estado español e deixar os concellos.

Que obxectivos se marca para o próximo mandato?

O gran obxectivo é un parque empresarial, pois precisamos traballo de calidade para fixar poboación e vamos a loitar por el. Estaría ubicado ó lado da autovía e sería o escaparate do Concello e das empresas que se ubiquen nel. Xa hai algunhas interesadas, como un aserradeiro de pedra que hai en San Martiño. Despois, queremos rematar unha das grandes obras que estamos a facer, que é a residencia para os maiores e centro de día. Acabamos de adxudicar o seu equipamento e despois do verán podería abrir as portas.
 

Te puede interesar