O Ratiño Pérez estará en Verín polo Nadal

photo_camera Presentación da iniciativa no Auditorio de Verín. (Vídeo: C.C.).
Esta iniciativa, da man da Fundación Dentalnova e do Concello de Verín, está destinada aos máis cativos 

O Ratiño Pérez volverá a Verín polo Nadal. Así o anunciaron este mércores no Auditorio de Verín Antonio Justo, xerente da Fundación Dentalnova, e Gerardo Seoane, alcalde de Verín, na presentación dunha campaña promovida pola Fundación Dentalnova e coa colaboración do Concello de Verín e a Xunta de Galicia.

A Fundación Dentalnova organizou varias actividades para que o Ratiño Pérez estea presente no Nadal de todos os cativos da comarca. O vindeiro 30 de novembro este personaxe chegará a Verín. Para darlle a benvida, organizouse unha gala -financiada polo Concello- para o alumnado de todos os centros educativos da comarca da man de Raquel Queizás.

Ademais, a estancia do coñecido Ratonciño Pérez quedará gravada para o recordo nun libro que o propio personaxe fará chegar ás crianzas do val, a través da financiación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. 

Despois do "éxito" da caseta do Ratiño Pérez do ano pasado, a Fundación Dentalnova quixo traer de novo ao Sr. Pérez. Así, proponse máis dun mes de actividades ao redor da súa figura buscando converter estas accións nun verdadeiro atractivo para o lecer da comarca. Volverase a instalar a casiña do Ratiño Pérez na Praza da Mercé, onde os cativos poderán coñecer a este personaxe. 

O proxecto está vertebrado pola publicación do libro "O Ratiño Pérez" no que se conta a súa vinculación co doutor Antonio Justo. "É unha historia baseada nunha idea orixinal de Edelmiro Mateo e ilustrada por María Isabel Álvarez e cos textos de Antonia Blanes, un conto centrado en Verín e nos seus elementos máis característicos", explicaron na presentación da iniciativa. 

O libro serviu de inspiración para o equipo de Dentalnova e a Raquel Queizás para deseñar unha gala que se representará o 30 de novembro no Auditorio Municipal. "A esta actuación foron convidados máis de 600 nenos. Será un momento moi especial para os asistentes, que coñecerán ao Ratiño Pérez", sinalou o alcalde de Verín, quen tamén aplaudiu a colaboración entre entidades públicas e privadas "que apostan por un proxecto no que se mestura o ocio e a concienciación sobre a necesidade de coidar da nosa saúde bucal". 

Pola súa banda, Justo agradeceu na rolda de prensa a involucración do Concello e da Consellería no proxecto que agarda "conseguir sorrisos e emoción en estado puro. Pensado para os máis cativos, pero tamén para os maiores, porque a ilusión é algo que non perdemos nunca". 

Te puede interesar