Riós acollerá o II Foro da Castaña os días 6 e 7 de outubro

Festa da Castaña e o Cogumelo en Riós.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Festa da Castaña e o Cogumelo en Riós. Foto: Xesús Fariñas
O obxectivo é analizar os retos e oportunidades que ofrece o sector

O Concello de Riós acollerá os días 6 e 7 de outubro a segunda edición do Foro da Castaña, organizado pola Deputación de Ourense a través do Inorde. A cita celebrarase no Multiusos da localidade co obxectivo de analizar os retos e oportunidades que ofrece este sector, no que a provincia é a principal produtora de Galicia. Esta segunda edición contempla temáticas técnicas e prácticas que inciden no axeitado desenvolvemeto das producións. 

O Foro da Castaña é unha das actuacións recollidas no convenio de colaboración asinado entre o Inorde e a Consellería de Medio Rural para a posta en valor do sector a través do Centro de Desenvolvemento Agroforestal localizado en Riós, dependente do organismo provincial.

A primeira das xornadas centrarase en cuestións técnicas a través de relatorios impartidos por profesionais do ámbito público e privado nas que se abordarán cuestións de interese como o tratamento de pragas, a xestión conxunta de soutos tradicionais, tipos de plantas de castiñeiro e a recuperación dos soutos, entre outros. Pola tarde, o foro terá un enfoque máis práctico cunha exhibición de cociña e repostaría con castaña de Galicia, outra de poda e mantemento de castiñeiros e unha conferencia sobre recomendacións para facilitar a revalorización e comercialización da castaña.

Xa o 7 de outubro, os participantes realizarán unha visita técnica á comarca do Bierzo en León para coñecer exemplos de "boas prácticas". A saída permitirá aos participantes coñecer unha plantación nova de castiñeiros con orientación agrícola en Carracedelo, a Agrupación de produtores de venta e comercialización de produto fresco de Corullón e unha empresa de conxelación de castañas, así como unha experiencia familiar de transformación e venda deste produto. 

O Foro, para o que é necesario inscribirse de xeito gratuíto, está dirixido a produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia, así como a empresas privadas e entidades públicas involucradas neste sector. 

Te puede interesar