Verín convoca o seu certame de poesía das Letras Galegas

190522 GALA MUSICO LITERARIA LETRAS GALEGAS 2019IMG_4097 CMZ (1)
photo_camera Gala músico literaria do Día das Letras Galegas en Verín o pasado ano.
Os gañadores desvelaranse nunha gala que se celebrará o 17 de maio 

O Concello de Verín xa está preparando o seu tradicional concurso literario polo Día das Letras Galegas, o 17 de maio, no que hai dúas modalidades: a de poesía e a de relato curto. Un concurso para os estudantes verineses.

O ente municipal vén de lanzar a convocatoria do certame de poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez. “Para fomentar a creatividade literaria das persoas que estudan nos centros de ensino da comarca, o Concello de Verín coa colaboración de Gadis, convoca este certame”, sinalan dende o Concello. 

Así, poderán participar persoas matriculadas en 5º e 6º de Educación Primaria, así como en Educación Secundaria, dos centros de ensino da comarca. O poema que se presente -de 24 versos como moito- deberá ser orixinal e inédito, de tema e estilo libre, e estará escrito en galego. 

Tras unha preselección por parte dos centros educativos, o xurado cualificador decidirá os gañadores das tres categorías -Primaria, primeiro ciclo e segundo ciclo de Secundaria-, outorgando os galardóns nunha gala o 17 de maio. Os traballos finalistas recibirán un diploma e un lote de libros, mentres que o poema que quede en terceiro lugar recibirá 30 euros, o segundo 60 euros e o gañador 90 euros. “Os centros recibirán un bono de 60 euros para a adquisición de libros e incentivar, así, a lectura”, conclúen. 

Te puede interesar