REPORTAXE

Xacobo García vive na terra dos que cren no rural: Laza

photo_camera A máscara do Peliqueiro, as espadas do Santo Cristo e o mandil do Ponte Farruca conxugan a Xacobo.
Este mozo lazano traballa para dar vida ao seu municipio. Forma parte das comisións do Entroido e do Santo Cristo, e tamén creou o Ponte Farruca. “Hai que apostar polo rural”

Laza ten futuro. E Laza ten futuro porque hai mozos que cren no seu potencial. “É moito máis que o Entroido”, din. En Laza e nas súas aldeas viven -datos de 2022 do INE- 1.205 persoas. Entre eses escasos mil veciños hai moitos que apostan por Laza, polas súas xentes e polas súas tradicións. E tamén pola igualdade e a diversidade. Entre eles atópase Xacobo García Nóvoa, un mozo de 29 anos que leva toda a súa vida presumindo de Laza. O seu fogar. 

Por amor ao arte, como se soe dicir, Xacobo forma parte da Comisión do Entroido, coas súas compañeiras Nerea e Noelia, os que tamén organizan as festas do Santo Cristo. Ademais, Xacobo é o presidente da Asociación Enlazados, organizadora do festival Ponte Farruca. Por se fora pouco, sempre está detrás dos magostos e das iniciativas hostaleiras, así como de calquera actividade social. Unha cabeza que pensa e repensa para facer de Laza unha localidade viva e chea de actividade, a que repercute positivamente no tecido empresarial local. 

¿Por que esa aposta polo rural? “É sinxelo, se vivimos aquí haberá que apostar por el, eu falo por min e por toda esa xente que traballa día a día para facer de Laza un lugar bonito no que vivir”, explica Xacobo García. “Somos poucos veciños e cremos que hai esa necesidade de facer cousas para todos os que vivimos aquí e para aqueles que queiran coñecer Laza, porque ten moito por descubrir. Hai que darlle vida ao rural e que a xente vexa que ten futuro”, engade. 

Así é Xacobo, deses que cren no que fan, e fano dende o corazón. Todo polo lugar que o viu nacer. Alí vive actualmente e, cando por traballo ten que estar fora, volve todos os fines de semana e vacacións. “Encántame estar en Laza, aquí son feliz. Agora traballo en Verín e podo permitirme vivir aquí, cando estou en Ourense veño sempre que podo, a xente soe irse de vacacións lonxe, eu volvo a Laza”, di orgulloso. 

Un orgullo que comparte cos seus compañeiros “de batalla” tras cada Entroido, Santo Cristo ou Ponte Farruca. Orgullo por lograr organizar eventos e encher o seu fogar de actividade. Todo, sen nada a cambio. “É certo que o facemos por amor á arte, pero levamos moito a cambio, satisfacción e o agradecemento da xente, ver que valoran o noso traballo e que gusta”, puntualiza. 

O Ponte Farruca foi a última creación de Xacobo. “Este agosto celebramos a segunda edición de este festival, que trata de achegar e visibilizar o rural e a igualdade, así como a figura da muller e do colectivo Lgbtq+,  para amosar que poden convivir ambos mundos en lugares pequenos”, sinala, valorando moi positivamente a celebración deste 2023 e pensando xa no próximo ano. 

Así, ano tras ano, Xacobo e outras tantas persoas buscan a maneira de facer de Laza a terra do Entroido, da tradición, das recreacións bíblicas e da loita pola igualdade. Unha terra con futuro. Dos mozos, deses que cren no rural.

Te puede interesar