CONCILIUM, VERBI GRATIA

Os concellos ao bordo da quebra
En menos dun quinquenio, as finanzas municipais teñen pasado dunha situación delicada a unha realidade catastrófica, circunstancia, que esixe a adopción de medidas de contención, anulando a totalidade dos gastos prescindibles e facendo efectiva a renuncia ás competencias delegadas para evitar os gastos de suplencia, que aínda sendo impropios, alcanzan o trinta por cento do total orzamentario. Ese que non outro, debe ser o guión de interpretación, que terá de manter súa vixencia mentres que a Administración do Estado manteña estacion
Cando a función política está exercida por mandatarios competentes, socialmente crece o recoñecemento polo seu cumprido desempeño, pero cando o dominante é a vulgaridade xerárquica, entón, o quefacer dirixente convértese no centro da censura e o descrédito. Para desgraza colectiva do país, este último suposto, é o factor dominante no panorama político xeneral, sendo mostra diso, a combinación de disparates utilizados polos nosos representantes como opcións paliativas a esa crise de novo cuño, cuxa autoría, ten neles mesmos aos verdadeiros artífices.

Agora por non perder a conexión co desconcerto, a súa instrución desfila pola chaira municipal, e nunha manobra de paso cambiado, coa improvisación por protagonista, elevan o seu índice de incoherencia ao proclamar que a solución á crise que padecen os entes locais, pasa pola implantación dun novo modelo territorial con menos municipios, a fin de reducir custos e mellorar servizos.

Isto non deixa de ser unha declaración diverxente, unha ocorrencia exenta do mínimo rigor, pois unha formulación seria sobre a fusión ou conxestión de concellos, como mínimo, debese vir precedido dun estudo de avaliación sobre as vantaxes do novo modelo de organización e a repercusión do seu alcance, que ademais da esfera municipal tería que precisar, o futuro das deputacións no contexto do novo escenario organizativo. En todo caso, o que está fóra de dúbida, é que unha planificación desta envergadura non se resolve coa manifestación de inconexos arrebatos políticos.

Se queremos centrar o debate sobre as graves dificultades de financiamento das entidades locais, resulta un contrasenso que baseemos a motivación nas características do marco espacial de referencia, cando a razón causante, máis que territorial, estriba no modelo de financiamento das propias institucións, que de xeito evidente resulta ser contraposto en relación aos servizos que se prestan.
Por tanto, a verdadeira reforma debe pasar pola implantación dun modelo de financiamento local de substitución, un novo marco legal, cuxo contido atenda a criterios de obxectividade que garantan unha distribución equitativa dos recursos, acorde cos servizos e competencias que as corporacións exercen de seu.

As entidades locais como administración máis próxima ao cidadán non pode seguir cumprindo o papel de cincenta da administración do Estado, mentres asumen o incremento de tarefas sen a transferencia dos medios económicos de acompañamento, pois tal extremo remata por minguar a súa saúde financeira. En razón a iso, a curto prazo, esa que non outra debe ser o referente argumental do debate, suposto contrario, ademais de equivocar o móbil das causas, estariamos empuxando a consecuencia dos efectos por unha ruta de difícil retorno.
Resulta pois un contrasenso que á parte de negar aos concellos a existencia dunha débeda histórica pola prestación de labores impropios, cando a súa asfixia económica acentúase ao perder unha das súas primordiais fontes de recadación vinculadas ao urbanismo, e consolídase a carencia de cobertura financeira, fágase táboa rasa, impondo aleatoriamente un teito de déficit do 0,3 por cento, cuxa aplicación minguará a súa escasa marxe de manobra nun contexto caracterizado pola caída de ingresos.

En materia de ordenación municipal non existen razóns que xustifiquen a variación do modelo territorial existente que ampara o ordenamento xurídico, e por iso é un disparate postular a simplificación do mapa local a golpe de fusións, máxime, cando tal pretensión ademais de representar un atentado contra o principio de autonomía local como dereito recoñecido na lexislación, o formato resultante, como agrupación forzada, pola súa condición de artificialismo contra natura, produciría sinerxías negativas.

Por esencial principio de funcionalidade, é obvio, que como administracións máis próximas ao cidadán, os concellos é a súa actual configuración, son quen deben asumir a prestación dos servizos públicos, sen que tal condición, limite campo para instrumentalizar plataformas de xestión intermunicipal dirixidas a asumir colectivamente a prestación de servizos públicos comúns, co obxectivo de xerar economías de escala que redunden no abaratamento da explotación.

Nosos ocorrentes representantes deben deixarse de insólitas extravagancias, para tomar razón do problema e convencerse, que a solución non é outra, que forzar a urxencia na redacción e aplicación executiva, dun novo modelo de financiamento máis acorde co mandato constitucional de suficiencia financeira.
http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/

Te puede interesar