Estaleiros en declive

Navantia Fene
A decisión de abandonar a execución do dique flotante, contrariamente á versión adúltera que agora se intenta vender, foi unha disposición política tomada en exclusiva polo Partido Popular, co pertinaz empeño de saldar o sector naval da ría ferrolá.
En asuntos políticos, deixarse ensimesmar pola mentira cando se coñece de antemán a verdade é unha actitude propia de imbéciles, de individuos de escasas luces ou de marcada tendencia ás profecías. Por iso, entre persoas aparentemente espertas, resulta incomprensible o seu ostensible enfado ao tomar coñecemento da negativa do PP en afrontar a construción do dique flotante para Navantia, cando antes de facerse público o rexeitamento, tal resolución, xa era un clamor a voces, e por iso calquera intérprete por neófito que fose debese traducir anticipadamente este desenlace, pois por extrapolación do seu proceder rutineiro era un todo evidente que esta organización política faría todo o contrario do ofertado electoralmente.

Por iso é de torpes considerar que o naval ferrolán tería de ser un verso solto, cando resultaba notorio que as estrofas redactadas polo partido conservador manteñen idéntica secuencia nas súas rimas, dominadas por asonancias tales como a mentira, o discurso contraposto ou a omisión programática. Sendo exemplo expresivo da súa obra, poemas tan hostís como a reforma laboral, a destrución empresarial, os recortes en sanidade e educación, a inxección de diñeiro público na banca privada, a amnistía fiscal e todo un cúmulo de despropósitos aos que por ostensible dedución, era visto que estes indolentes, tentarían engadir o desmantelamento definitivo do sector naval.

Non obstante, sendo remisible o feito de ter outorgado confianza aos vaticinios, tema distinto é ter que tragar a posteriori coa autoproclamada inocencia dos cómplices. Con esa evasión que en evitación de fugas de reputación, sistematizan os políticos autonómicos, comarcais e locais do PP, a través dunha burda estratexia, consistente, en aparentar o papel de decepcionadas vítimas, e á vez, intentar confundir á cidadanía aducindo por toda xustificación, a necidade, de facer recaer en Navantia a culpa de tan adversa resolución; torpe manobra dirixida dende o aparato do partido, ao obxecto de saír airoso camuflando toda responsabilidade política.
Claro que tirando de tan absurdo argumento, tamén eu por agnóstico, seguramente sen decatarme, resultarei ser o bispo de Canterbury.

Aquí non caben encíclicas nin epístolas para crédulos, como tampouco alegacións incoherentes, por canto, a decisión de abandonar a execución do dique flotante, contrariamente á versión adúltera que agora se intenta vender, foi unha disposición política tomada en exclusiva polo Partido Popular, co pertinaz empeño de saldar o sector naval da ría ferrolá.

Determinación, que á parte de merecer unha contundente repulsa, obriga a rescatar o debate para traer a colación, tanto a cuestionada lexitimidade que acompaña esta posición, como a controvertida autenticidade democrática do acordo desestimatorio. Por canto debemos constatar , que o triunfo electoral do PP creou ao actual Executivo un vínculo de obrigado cumprimento co sector naval en razón a senllos compromisos programáticos, como eran, a construción do dique flotante e o levantamento do veto. Representando o abandono destes contraídos, unha infamia que reviste de nulidade a expresión outorgado polas urnas, feito que ao suceder, ademais de consumar unha fraude electoral adxudica á decisión a condición de afronta política.

Nun procedemento escudado na falsidade e a mala praxe, o Partido Popular burlouse desta comarca ao negar agora o seu apoio a unha demanda esencial para a continuidade dunha actividade estratéxica e por tanto vital para a sustentabilidade económica e laboral. Nin unha cousa nin a outra, nin construción do dique, nin levantamento do veto, este foi o veredicto deste tribunal 'popular', unha sentenza que ten por única meta suprimir a continuidade da actividade naval, utilizando a dinámica de baleirar a carteira de contratación e inducir con iso a inactividade que xustifique a desaparición do sector.
Queda visto pois , que o PP nunca albergou interese algún por defender o futuro dos estaleiros, só aproveitouse da súa manifesta eventualidade para lograr rendementos electorais; estratexia que contou coa participación dos seus aliados mediáticos na temporalidade das campañas electorais, onde Rajoy e Feijoo, rendibilizaron o resultado deste deplorable artificio.

Por iso, a pesar desta planificada adversidade, a masa social da comarca de Ferrolterra non se pode dar por vencida, pois non é época de distensión; agora mais que nunca é tempo obrigado para reaccionar ao unísono, utilizando se é necesario a confrontación social para frear esta nova fase de demolición, este colofón de destrución masiva que representa ser o capítulo final dunha morte anunciada tres décadas atrás. De non proceder en consecuencia repetiremos erros pretéritos, co agravante que esta vez non só seremos as vítimas senón tamén os culpables.

Te puede interesar