emprego

O 22% dos alumnos do plan de emprego de Carballiño xa teñen traballo

Francisco Fumega acompañado dos técnicos durante a apertura do curso.
photo_camera Francisco Fumega acompañado dos técnicos durante a apertura do curso (C.R.).

O programa comezou en xaneiro con 100 participantes e 44 deles formaranse agora en soldadura

Transcurridos pouco máis de dous meses desde que se puxo en marcha o Programa Integrado de Emprego de Galicia "Carbaemprego2018" xa conseguiron traballo 22 persoas, o que supón o 22% do total de inscritos, que foi de 100 para esta terceira edición. Ao final do programa, que terá unha duración dun ano, o obxectivo de inserción é do 45%, seguindo os criterios da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se encarga da financiación. Os sectores nos que se empregaron estas 22 persoas son moi dispares, así hai algúns traballando en hostalería, en industria, no sector alimentario, administración pública e incluso hai un usuario contratado como investigador nunha Universidade.

Así mesmo, outros 44 alumnos comezarán esta semana o curso de soldadura, que é un dos módulos máis solicitados neste terceiro plan de emprego, debido a demanda de persoal por parte das empresas do sector do metal ubicadas no parque empresarial do Carballiño. Os outros módulos do plan son auxiliar de almacén e peón forestal.

A apertura do curso de soldadura, que se desenvolverá nas instalacións da empresa Dizmar, tivo lugar onte na Casa da Cultura coa asistencia do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; os responsables da formación, da empresa Eurofirms; e técnicos do departamento de Orientación Laboral do concello.

Neste momento, os beneficiarios do programa xa finalizaron as formacións en orientación laboral para comezar agora cos cursos de profesionalización, e despois os de perfeccionamento.


A reinserción nos outros dous plans foi de 91 persoas


No primeiro plan de emprego conseguiuse reinsertar no mercado de traballo a 41 persoas, e no segundo a reinserción superou as 50 persoas. Neste terceiro agárdase incrementar o número de participantes que consigan un emprego, alcanzando como mínimo o 45%. O alcalde, Francisco Fumega, recordoulles aos alumnos a importancia do curso que comeza, pois recibirán formación para poder desempeñar un labor profesional no sector industrial. Así, animou a facer todo o esforzó necesario para aprender e facer máis rápida a incorporación ao mercado laboral. Neste senso, aleccionou acerca de aprobeitar esta oportunidade que lle brindaba o programa posto en marcha polo concello e a Xunta de Galicia.

Te puede interesar