O grupo Outeiro demanda da Xunta medidas de protección para evitar a súa desaparición

Atopan petroglifos en tres áreas forestais da comarca

Un dos petroglifos, atopado nunha zona do municipio de O Irixo. (Foto: LR)
O grupo Outeiro, do Carballiño, solicitou ante a Xefatura Territorial de Cultura e autoridades de Patrimonio da Xunta a catalogación urxente de tres novos petroglifos atopados nos municipios de Boborás, O Irixo e San Amaro. De novo, as investigacións e o traballo de campo levados a cabo por la asociación carballiñesa deron os seus froitos. Concretamente, o achado dos gravados rupestres tivo lugar no contorno das aldeas de Fonte Moreiras (Boborás), Pazos (San Amaro) e na paraxe de Pena Negra, no municipio de O Irixo.
Nestes petroglifos aparecen representadas distintas figuras: círculos concéntricos e cazoletas, semellantes ás xa atopadas e catalogadas no monte comunal de Paciños, que foi a antiga escombreira das obras do AVE e que máis tarde se converteu na Área Arqueolóxica de Cangues, no municipio de O Irixo. Os representantes do colectivo ecoloxista consideran que 'é urxente a catalogación destes petroglifos, como medida para saber o que temos e na situación en que se atopan para tomar medidas de protección'. Neste sentido, destacan que, coa chegada do verán, o principal inimigo dos achados arqueolóxicos son os incendios forestais, debido ó crecemento incontrolado da vexetación e a plantación de superficies destinadas á explotación forestal.


PROTECCIÓN

Os investigadores suliñan, ó respecto, que 'ós poucos días de extinguirse o lume xa se pode apreciar a degradación na pedra, destrúese a pátina protectora e aparecen placas soltas, esto afecta de maneira irreparable ó conxunto arqueolóxico'. Lembran ós organismos públicos que a lei protexe o patrimonio arqueoloxico, e os petroglifos son considerados Ben de Interese Cultural (BIC), ó que lle otorga a máxima protección legal. Ainda así, comentan que a realidade e moi distinta, 'xa que a cotío xurden atentados contra a nosa arte rupestre'.

A comarca do Carballiño conta cun abundante patrimonio arqueolóxico, e son poucos os concellos galegos que revalorizan a arte rupestre como recurso cultural e turístico incorporando roteiros e tomando medidas de protección. Neste sentido, autoridades no estudio dos petroglifos afirman sen dudalo que levan feito máis polos petroglifos galaicos 'os aficionados, asociacións culturais e comunidades de montes que as institución públicas ó longo da historia', aseguran os membros de Outeiro.

Conclúen que 'dende sempre estivemos entusiasmados co patrimonio natural, e dentro deste, para nós, está o arqueolóxico, pois a mesma arte rupestre forma parte desa relacion dos humanos co medio'.

Te puede interesar