Avanzan os trámites para ampliar a área empresarial de Carballiño

Terreos onde se ubicará o parque.
photo_camera Terreos onde se ubicará o parque.
A modificación do plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia entrou onte en vigor

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, a segunda que promove a Xunta desde a súa aprobación no ano 2014 e cuxo alcance, neste caso, abrangue 24 ámbitos industriais pertencentes a 18 concellos, entre os que están Carballiño e Maside, ambos promotores da ampliación da actual área industrial.

Esta modificación era necesaria para continuar con este proxecto do que a Xunta de Galicia xa licitou en días pasados a redacción para levar a cabo posteriormente a urbanización e execución do novo solo industrial que se amplía desde o parque empresarial do Carballiño cara o término municipal de Maside.

Contará con dous polígonos, un de 31.485 metros cuadrados, na vila do Arenteiro e outro de 1.003.325 metros cadrados no municipio veciño.

Coa entrada en vigor desta nova revisión, a planificación de solo empresarial a nivel galego inclúe agora 127 parques cunha superficie a desenvolver de 46.136.412,19 metros cadrados, equivalente a uns 6.100 campos de fútbol. É dicir, permitirá planificar 662.321 metros cadrados máis dos previstos no plan sectorial vixente ata o de agora, segundo a Xunta.

Te puede interesar