política

O BNG de Cea, contra a cesión do centro de saúde

Este grupo da oposición reclama información ao Concello sobre as condicións da cesión ao Sergas 

O grupo municipal do BNG en San Cristovo de Cea presentou unha reclamación ao Concello para que non se efectúe a cesión do centro de saúde ó Sergas ata que sexan coñecidas as condicións baixo as cales se produce tal cesión, preservando sempre para o Concello a titularidade plena da propiedade. Considera conveniente este grupo da oposición que, unha vez coñecidas ditas condicións, se volva a someter o asunto a un debate da Corporación municipal para que esta emita un novo ditame.

O BNG lembra que no pleno do pasado 17 de setembro de 2017 foi aprobada, cos votos a favor do PP, as abstencións do PSOE e os votos en contra do BNG, unha proposta da Alcaldía segundo a cal se cede ó Servizo Galego de Saúde o centro de saúde de San Cristovo de Cea, de modo gratuíto, para que no futuro sexa o Sergas quen se encargue dos custos de mantemento.

Por ese motivo, os nacionalistas solicitaron á Alcaldía que se lle facilitara o convenio, no que supostamente se redactaran as condicións baixo as cales se efectuaba a cesión, sen que polo momento recibira resposta; "non tendo polo tanto coñecemento de tales condicións da cesión, se é que existen", puntualizan. 

Nese sentido, engade o BNG que "como en calquera cesión, as condicións baixo as cales esta se efectúa deben ser coñecidas a priori. Se así fose ó mellor o grupo municipal do BNG podía estar de acordo coa cesión, posto que é partidario de facilitar ó Sergas no posible a súa labor, pero sendo responsables e respectuosos co patrimonio municipal".

Dado que, segundo apunta este grupo da oposición, non recibiu a información solicitada, é polo que reclama agora que non se efectúe a cesión ata coñecer ditas condicións.

Te puede interesar