O BNG reclama a ampliación de horas do servizo de conciliación en Carballiño

Os nacionalistas consideran que o servizo actual está nunha situación de precariedade

O BNG do Carballiño considera que o servizo "Bo día familia" está nunha situación de precariedade e reclama ao Goberno municipal a súa adecuación ás necesidades da veciñanza. O actual contrato do servizo de conciliación venceu e está prorrogado, e xa nestes momentos "o servizo non dá unha resposta axeitada ás necesidades das familias que precisan conciliar a súa vida familiar e laboral", indica a voceira municipal do BNG, Sofía García.

Por iso, a portavoz afirma que "urxe sacar un novo prego cunhas novas condicións, porque o servizo estase dando agora exclusivamente nas horas previas á entrada das crianzas nas aulas, e é preciso un servizo de conciliación integral que permita verdadeiramente a conciliación", declara. Así, engade que "demandaremos ao Concello que este servizo se amplíe para que inclúa o comedor ao mediodía e que se preste tamén pola tarde, para que sexa posible unha verdadeira conciliación entre o ámbito familiar e laboral de nais e pais".

Nestes momentos o contrato do servizo de conciliación está caducado e "hai unha ausencia de información municipal por parte do Goberno do Carballiño ao respecto do seu futuro". Desde o BNG consideran que "é urxente actualizar o servizo, e trasladaremos ao ente municipal as queixas e demandas que as familias nos teñen manifestado".

Te puede interesar