crónica

O Carballiño, a capital galega dos nosos maiores

Eran maiores, de corpo pero non de espíritu, os que a milleiros se xuntaron no día de onte no parque municipal de O Carballiño na cuadraxésima edición da popular festa que chegou a concentrar, nas mellores épocas, uns 30.000.

Antonio, eu daquí xa non me movo, que non me teño de pe! Tira Consuelo, que aínda queda o baile cos Arquinos"... E Consuelo tirou, porque poida que ruxan algúns osos neses corpos pero o espíritu de festa non falta entre os maiores, os miles de maiores que onte volveron a xuntarse en O Carballiño nunha das máis concurridas convocatorias da última década. Atrás quedan os 30.000 que se concentraron no primeiro ano de Feijóo na Xunta con máis de 250 autobuses aparcados polas rúas próximas ó parque municipal da vila do Arenteiro. Os de onte eran moitos menos, arredor de 70 -os autocares-, aínda que moitos dos 3.000 festeiros que alí se deron citan viaxaron tamén nos seus vehículos particulares. Foi o perfecto entrante á romaría das romarías, que chegará nese mesmo escenario o segundo fin de semana do mes de agosto. Porque se onte algo se comeu, iso foi polbo, tanto nas carpas do parque como no resto de establecementos da vila, onde era difícil avanzar pola beirarrúa sen tropezar co posto dunha pulpeira.

Arrancaron a xornada cunha coreagrafía que citou na pista de baile a tres ou catro ducias de parellas, agardando por uno dos momentos estelares da mañá, a chegada de Roberto Vilar como pregoeiro da convocatoria, acompañado da inseparable Concha, si, a do Manolo, ¡que é quen a consume!


REPRESENTACIÓN PÚBLICA


Pouco antes foron achegándose os representantes políticos, tanto locais como autonómicos, entre eles, o máximo responsable da Consellería de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora dos Maiores da Xunta de Galicia, Fabiola García. O conselleiro agradeceu a asistencia á festa a todos os presentes na xuntanza e destacou o labor dos centros sociocomunitarios de Fene (A Coruña), Vilalba (Lugo) e Ponte Pelamios (Ourense), así como de José Piñeiro, da Asociación Galega de Pensionistas (Asogapen), que foron merecedores dunha distinción no encontro deste ano. 

Tanto o pregoeiro, Roberto Vilar, do popular e coñecidísimo espazo televisivo Land Rober, como o alcalde da vila, Francisco Fumega, e o propio titular da consellería tiveron agarimosas verbas para todos os concentrados. Rey Varela destacou a importancia dunha xornada coma a de hoxe, "un día moi especial para os maiores de Galicia, que o merecen todo", en absoluta concordancia co manifestado polo mestre de cerimonias, minutos antes: "Paga moítisimo a pena devolvervos todo o cariño que levades repartido a tantas xeracións". Case unha hora despois do improvisado photocall cas estrelas televisivas do xoves -menos Touriñán, que escusou a súa presenza-, chegou un dos mellores momentos do día, "o da hora de comer e beber, porque a romarías coma esta é ó que se vén", dixo Vilar. 

Pola tarde, outro dos clásicos para tanta lembraza. O propio Tony González supervisaba dende primeira hora a mesa de misturas e as conexións eléctricas e de son dunha das orquestras máis senlleiras da capital, da provincia e da comunidade galega, Los Arquinos, con case tantos anos ou máis de vida que a celebración de onte: corenta, aínda que para o conselleiro, nun deses lapsus que sempre se dan cando o micrófono impón, quedase reducida a "edición décimo cuarta".

Te puede interesar