Carballiño fomenta a inclusión con actividades

20210802 DXMaiores O Carballiño
photo_camera Algúns dos participantes no programa “O verán que mereces” este luns.
Quince persoas disfrutan de iniciativas ambientais e saudables

Na liña de fomentar a inclusividade das persoas que padecen algún tipo de discapacidade, a Xunta de Galicia promove un campamento no Carballiño no que quince persoas de entre 19 e 45 anos desfrutan dun amplo programa de actividades relacionadas coa  educación ambiental e cos hábitos saudables e que se desenvolverán ata o vindeiro día 5 de agosto na residencia de tempo libre deste municipio. 

Por outro lado, esta residencia alberga ademais unha quenda do campamento xuvenil chamado Arte e tecnoloxía, onde rapaces de entre 9 e 12 anos levan a cabo actividades como obradoiros de expresión corporal ou xogos de interpretación teatral. 

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado territorial de Ourense, Gabriel Alén, visitou este luns aos usuarios deste campamento. González Abeijón aproveitou a súa visita para poñer en valor a realización deste tipo de actividades que “converten a Galicia nun lugar máis inclusivo onde todos podemos levar a cabo un ocio educativo, seguro e saudable durante a temporada estival”.

A Xunta de Galicia puxo en marcha os campamentos específicos para persoas con discapacidade, enmarcados na campaña estival que este ano se está a desenvolver baixo o lema “O verán que mereces”. Nesta convocatoria ofrecéronse 185 prazas en tres instalacións diferentes: no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e nas instalacións ourensás que se visitaron este luns. Nestes tres espazos, un total de 185 persoas de entre 11 e 45 anos teñen a oportunidade de realizar diferentes iniciativas.

Te puede interesar