o carballiño

O casco urbano carballiñés renóvase cun plan de reforma

carballiño
photo_camera A rúa Marcelino Parrondo é unha das nove que serán acondicionadas.

O presuposto dos proxectos de remodelación superan unha inversión global de 700.000 euros

O Concello do Carballiño desenvolve un plan de remodelación integral das rúas do casco urbano, que inclúe tamén algunhas do medio rural, cunha inversión de máis de 700.000 euros desde o comenzo deste 2019. Dentro deste plan, que se puxo en marcha hai dous anos e que se intensificou nos últimos meses, está prevista a adxudicación nos próximos días de dous novos proxectos de renovación do pavimento en nove rúas do casco urbano, así como en Mesego do Cabo e Seoane. A contía global da licitación supera os 225.000 euros, e finánciase con fondos municipais, cuxo orzamento forma parte do acordo na aprobación dos presupostos a finais do pasado ano entre o grupo municipal de goberno e o grupo do PP. 

Estas obras, de igual forma que as que se levan executado ata o momento, refírense ao acondicionamento do firme das calzadas, e tamén a reposición das redes de servizos básicos nas rúas en que é necesario, ademais da dotación de beirarúas ou ampliación en distintos viais. A financiación é con fondos do Concello, gracias ao superávit económico que segundo o alcalde, Francisco Fumega, é de 1,2 millóns de euros.

As próximas adxudicacións son  das rúas Marcelino Parrondo, Catro Camiños, Rega, Cornuval, Carballa, Vicente Risco, Xosé Fariña Jamardo e Mesego do Cabo, cuxo orzamento de licitación supera os 125.000 euros, así como diversas rúas na parroquia de Seoane, cuxo orzamento é de 100.000 euros.


Obras


Recentemente, acondicionáronse as rúas Alberto Vilanova, Aller Ulloa e un tramo da estrada de Señorín a Treboedo, cuxo orzamento foi de 115.00 euros. E neste intre, renóvase o pavimento da rúa de acceso á igrexa de Mesego, ao campo da festa e a rúa de acceso á estrada de Mesego, así como a continuación da beirarrúa ao Instituto Chamoso Lamas pola avenida do Parque, cuxo orzamento é de máis de 100.000 euros.

Tamén están en marcha as obras de reforma das rúas do casco urbano Cuba e Brasil, dentro dun proxecto que inclúe tamén as rúas Uruguay, Venezuela e República Arxentina, que se executarán a continuación e cuxo orzamento global ascende a 270.000 euros, segundo informan os responsables municipais.


Pavimentos, servizos e beirarrúas


Anteriormente, o Concello do Carballiño, xunto coa Deputación provincial de Ourense e a Xunta de Galicia, procedeu á renovación do pavimento de diversas rúas e estradas do municipio, entre as que se atopan Ponterriza, Veiga, o acceso ao Pavillón de Deportes, Partovia e Señorín, no ámbito rural, e Aquilino Sánchez no casco urbano do Carballiño.

Esta última mediante o acordo dos orzamentos alcanzado co grupo da oposición municipal Alternativa Veciñal. Con este mesmo grupo, o goberno local socialista tamén consensuou a continuación da beirarrúa da avenida do Parque ata o Instituto Chamoso Lamas, que está agora en proceso de execución. 

Os proxectos non só inclúen o asfaltado das rúas senón tamén, dependendo dos casos, a reposición das redes dos servizos básicos de auga e saneamento e o acondicionamento ou creación de novos tramos de beirarrúas como é o deste acceso ao instituto que se está construíndo. Neste caso, aínda queda pendente o proxecto de continuación das beirarrúas ata o camping municipal, tendo en conta que é un tramo moi concurrido polos camiñantes e que en algunhas zonas pode resultar perigoso ao ter que invadir a calzada.

Te puede interesar