As catas no castro de Beariz deixan á vista unha muralla

Restos da pétrea muralla do Castro de Garfián, en Beariz.
photo_camera Restos da pétrea muralla do Castro de Garfián, en Beariz.
O Concello presentará unha memoria na Xunta para executar as escavacións en Garfián

O arqueólogo Jorge Lamas rematou as sondaxes arqueolóxicas do Castro de Garfián. Trátase do primeiro xacemento destas características no que se intervén no municipio de Beariz. As autoridades locais proxectan acometer escavacións polo que se está na fase de redacción da memoria técnica que se presentará na Dirección Xeral de Patrimonio, que xa se fixo cargo do custo destas primeiras sondaxes, e co fin de conseguir financiación para as escavacións.

Jorge Lamas sinala que se executaron tres catas arqueolóxicas, dúas de 6 x 4 metros e outra de 5 x 5 metros, co fin de evaluar a potencialidade deste castro con unha superficie de 80 metros de largo por 60 de ancho, sobre todo a nivel de estruturas. 

Os resultados en conxunto das tres sondaxes, mostran a aparición dunha estrutura muraria duns tres metros de ancho que se corresponde coa muralla que circunvala todo o castro. Está feita con grandes lousas de xisto na súa cimentación para logo presentar unha cara interior con lousas de xisto medianas e outra exterior de igual feitoría con recheo interior a base de terra e lousas máis pequenas. 

Xunto a esta muralla tamén asomou outra estrutura duns 5 metros de longo que vai perpendicular á muralla e que apoia sobre a mesma eliminando así, nese sector, unha posible rolda muralla, feita a base de lousas de mediano tamaño.

En canto a materiais, sinala o arqueólogo a presenza duns poucos materiais cerámicos, aínda que con máis abundancia na zona da cata 3 (non se esgotou o rexistro arqueolóxico debido ao potente derrubo da muralla e da outra estrutura muraria), xunto con dous fragmentos de muíño circular, en granito. 

Como conclusión sinala que a partir dos resultados obtidos, “podemos estar diante dun asentamento que, aínda que de pequeno tamaño, presenta unha importante muralla pétrea que o envolve xunto cuns materiais (algún decorados) que nos poden indicar, como primeira hipótese, unha ocupación non anterior ao século IV a. C. (Idade de Ferro) se ben sería necesario ampliar a escavación nos sectores das catas 2 e 3 para afondar no coñecemento do mesmo”. 

Os traballos comezaban sobre o 19 de setembro e remataban o pasado 6 de outubro, con vistas a levar a cabo futuras escavacións para deixar á vista máis muralla entre outros restos que poidan xurdir.

Este xacemento arqueolóxico vense a sumar a outros das comarcas do Carballiño y O Ribeiro nos que recentemente se leva intervido, como son o Castro de Santa Mariña de Maside, o de Santa Lucía de Castrelo de Miño e tamén contratados a Jorge Lamas o de Cameixa, en Boborás, e o de Coto dos Mouros, en Carballeda de Avia, onde o pasado domingo se organizou a primeira visita guiada.

Te puede interesar