La Región

O CARBALLIÑO

O Centro de Estudios cumpre 25 anos con rutas e un xantar

A asociación ten prevista a organización de dous roteiros guiados, unha mesa redonda e unha mostra sobre o percorrido do centro de estudios

Imaxen do grupo de investigadores, nun seminario en Portugal.
Imaxen do grupo de investigadores, nun seminario en Portugal.
O Centro de Estudios cumpre 25 anos con rutas e un xantar

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, colectivo que agrupa a investigadores da comarca do Carballiño, celebrou o pasado 17 de maio o seu 25º aniversario, e, a fin de conmemorar esta efeméride, a entidade desenvolverá durante os vindeiros meses unha serie de actividades co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da bisbarra, así como os traballos realizados neste cuarto de século.

Deste xeito, a asociación ten prevista a organización de dous roteiros guiados, unha mesa redonda e unha mostra sobre o percorrido do centro de estudios. Así, o domingo 28 de xullo, co título de “De vagar: un percorrido histórico polas rúas e prazas do Carballiño”, levarase a cabo un itinerario polo casco urbán da vila do Arenteiro, de dúas horas de duración, que estará guiado polo presidente do colectivo de estudios, o historiador Xosé Luis Sobrado. A cita será ás 11,00 horas no Asilo de Anciáns.

O sábado 24 de agosto, ás 19,30 horas, no Auditorio municipal Manuel María, terá lugar unha mesa redonda con destacados persoeiros do eido da cultura e cun contido referente ó patrimonio histórico e cultural do Carballiño. Nesa mesma tarde, ás 20,30 horas e na sala de exposicións do mesmo Auditorio, inaugurarase a mostra titulada “25 anos de facer cultural".

Finalmente, o domingo 8 de setembro celebrarase entre O Carballiño e Cabanelas unha andaina guiada que partirá ás 10 da mañá da Ponte de Veiga e que se desenvolverá en dúas etapas, unha ata Moldes, onde haberá un xantar, e a outra ata Cabanelas.