La Región

O CARBALLIÑO

Chamoso Lamas presenta un libro no seu 25 aniversario

"Cemiterios esquecidos: O fenómeno tumulario na comarca do arenteiro" é de Jorge Lamas

Chamoso Lamas presenta un libro no seu 25 aniversario

O Centro de Estudos Chamoso Lamas do Carballiño comeza este venres a celebración do seu 25 aniversario cun acto de presentación do libro sobre arqueoloxía que leva o título de "Cemiterios esquecidos: O fenómeno tumulario na comarca do Arenteiro", do que é autor un dos membros da entidade, o arqueólogo e coordinador da sección de arqueoloxía, Jorge Lamas.

O Centro de Estudos Chamoso Lamas creouse no mes de maio do ano 1994, e para celebrar esta efemérides organiza este primeiro acto que terá lugar este Día das Letras Galegas, ás 19,30 horas, no salón de actos do Casino Cultural e Recreativo do Carballiño.

Será a primeira actividade das que está programando esta entidade cultural dedicada fundamentalmente a investigación en diversos campos como a historia, arqueoloxía ou meteoroloxía, entre outros, para desenvolver ao longo deste ano e que incluirá a edición dun número especial da revista Argentarium, dúas rutas guiadas polo centro histórico da vila e polo sendeiro do Arenteiro ata Cabanelas, así como diversos actos que terán lugar probablemente entre os meses de agosto e setembro.

O Centro de Estudos Chamoso Lamas, presidido polo historiador José Luis Sobrado, desenvolve un intenso labor de investigación centrado fundamentalmente nas comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Co fin de dar a coñecer o seu traballo organiza cada dous anos un congreso.