O comercio carballiñés súmase ó 50 aniversario da 'Festa do Pulpo'

A Asociación de Comerciantes e o Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño prestan a súa colaboración ó Concello na campaña de promoción de vendas neste verán, e na que as vodas de ouro da 'Festa do Pulpo' cobran especial protagonismo. Baixo o lema 'Tíralle do rabo', os 90 establecementos do municipio integrados no CCA entregarán ós seus clientes uns boletos que dan dereito a participar, tódolos venres, dende o 22 de xuño ó 10 de agosto, no sorteo de vales de descontos, ceas e tamén, un total de 30 tarxetas de acceso ó xantar oficial da celebración gastronómica, que terá lugar no Parque municipal o 12 de agosto.
O presidente do colectivo de comerciantes, Julián Garriga, agradeceu o apoio das autoridades municipais a esta campaña, 'que é unha iniciativa diferente á de anos anteriores, tendo en conta que o comercio local está vencellado co pulpo'. Os sorteos levaranse a cabo de xeito rotatorio nas prazas Maior, Irmáns Prieto, San Ramón, Emigrante, Pardo Bazán e Liborianos, a petición dos asociados ó CCA que posúen os seus establecementos no contorno. Os comerciantes destinan unha cantidade aproximada de 3.000 euros ós premios, consistentes en descontos dun 30% nas compras e ceas para dúas persoas nos restaurantes 'A Fuchela', 'Abadía dos Sentidos' e 'Don Paco', ademais dun concurso na emisora de Cope Carballiño para o agasallo de tarxetas do xantar da 'Festa do Pulpo'.


DIFUSIÓN

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, apuntou que 'esta é unha magnífica oportunidade para que todo o mundo esté pendente da festa do 12 de agosto, sobre todo pola altísima demanda de tarxetas que hai tódolos anos'. O rexedor carballiñés tamén suliñou que 'esta campaña é de promoción dobre da nosa vila, xa que por unha banda invita a mercar no comercio local, e, pola outra, a xantar no noso evento máis importante'. Marnotes lembrou que a 'Festa do Pulpo' tamén se está a difundir nas botellas da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro 'con moito éxito'.

Te puede interesar