Un congreso en Carballiño abordará a obra relixiosa de Antonio Palacios

Participantes no roteiro cultural polas igrexas durante a pasada Semana Santa.
photo_camera Participantes no roteiro cultural polas igrexas durante a pasada Semana Santa.
O Centro de Estudios Chamoso Lamas proxecta un concurso de investigación do patrimonio

O XIII Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas xa está en marcha. Trátase dunha actividade que se desenvolve con carácter bianual e que nesta edición terá lugar a comezos do outono, concretamente, o 4, 5 e 6 de outubro. O seu título é “Historia, Arte e Arquitectura relixiosa na comarca do Carballiño e Ribeiro”.

Debido á coincidencia coa celebración do Ano de Antonio Palacios, xa que o 8 da xaneiro cumpríronse 150 anos do seu nacemento,  o congreso dedicará unha parte das trinta horas de actividade ao arquitecto que proxectou o templo da Veracruz.
Así, contémplase unha ponencia e un audiovisual, entre outras posibles iniciativas. Tamén, segundo sinala o presidente da entidade, Carlos Rodríguez, “a día de hoxe está confirmada a presenza do prestixioso arquitecto e urbanista José Fariña Tojo, fillo de Xosé Fariña Jamardo, catedrático emérito da Universidad Politécnica de Madrid, que dará unha conferencia sobre Palacios”.

Ademais, o centro de estudos prentende contar de novo coa concesión dun crédito pola Universidade de Vigo para o alumnado que asista e por elo nuns días distribuirase o cartaz en todos os campus galegos “para acadar o maior número de matrículas e comunicacións”, matiza.
Así mesmo, engade Carlos Rodríguez, “temos en estudo a posibilidade de crear un concurso de traballos de investigación para estudantes sobre diversas temáticas da nosa comarca así como do Ribeiro co obxectivo de promover o coñecemento e divulgación do noso patrimonio histórico e natural entre a mocidade e incorporalos ao congreso”.

Roteiro

Como actividade máis inmediata, o próximo Xoves Santo, os historiadores do centro de estudos, Juan Manuel Rodríguez e Xosé Luis Sobrado, serán os guías dun novo roteiro cultural polas igrexas da vila que, nesta ocasión, ampliarase por vez primeira á de Señorín. O punto de encontro será na entrada do cemiterio ás 11,00 horas e o percorrido terá unha duración aproximada de dúas horas e media, rematando no Templo da Veracruz.

Por outra banda, continuando coa programación deste 2024, co título “A memoria recuperada”, o Chamoso Lamas publicará no próximo mes de abril un libro con vintecinco traballos de investigación e ensaios circunscritos dalgún xeito ás comarcas do Carballiño e do Ribeiro que foron presentados como comunicacións e ponencias nos dous últimos congresos, pero que aínda estaban sen editar. Por último, tamén publicará un completo traballo sobre o románico nas dúas comarcas do historiador Rafael Tobío Cendón.

Te puede interesar