A parroquia de San Martiño do Lago, no municipio de Maside, converteuse este domingo en punto de referencia para os afecionados ó mundo equino, coa celebración da Festa do Cabalo, que nesta 31ª edición reuniu a máis de 150 xinetes de toda Galicia e norte de Portugal para participar nas diferentes competicións plantexadas pola organización, que contou unha vez máis coa colaboración do propio Concello. Á primeira hora da mañá, un grupo de cabaleiros xa realizou un percorrido de 17 quilómetros polas pistas forestais que rodean a paraxe do Puzo do Lago, co fin de coñecer este Espacio natural de interés local (Enil) e a súa contorna. Tras rematar o itinerario, nas pistas de terra deste mesmo enclave comezaron as probas de andaina chapeada e serrada, distribuídas en cabalos e eguas de alzada menor ou maior que 1,50 metros, e nas que os xinetes de Galicia e Portugal amosaron a súa rivalidade. Despois chegou o descanso para o xantar, e mentres alguns optaron pola carpa instalada polos organizadores, que ofertou pulpo, empanada e churrasco, outros participantes de fóra xa viñeron preparados coas súas propias viandas.
Pola tarde, leváronse a cabo as probas de trote, tamén para eguas e cabalos, para finalizar a xornada coa sempre espectacular e divertida "carreira de burros", na que se inscribiron un total de 15 competidores e na que houbo, coma é habitual, máis dunha sorpresa co comportamento destes animais. O alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, e o responsable da organización, Wenceslao Botana, encargáronse da entrega dos trofeos e dos premios en metálico para os tres primeiros clasificados en cada unha das propostas deportivas.