O CARBALLIÑO

Espazo Común cuestiona o sistema para a selección dos bares na Festa do Pulpo

O Obxectivo é evitar que sexan beneficiadas empresas de fóra e saian perxudicadas as asentadas na vila que pagan impostos

O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño considera "inxusto e incomprensíbel" o sistema de adxudicación dos bares que se instalarán no Parque da vila na vindeira Festa do Pulpo, xa que, según suliñan,"dos sete postos dispoñibles, só un foi adxudicado a hostaleiros locais". A formación política que lidera Pachi Vázquez na Corporación lembra que "foi un grupo de hostaleiros locais quen puxo a voz de alarma sobre este inxusto criterio de adxudicación", feito por sorteo ó azar con papeis dentro dunha bolsa, e co resultado de que "de sete barras de bar posibles, seis fosen adxudicadas a empresarios de Ourense e só unha a un da nosa vila".

Espazo Común salienta que non se trata dunha polémica nova e que "xa se leva por parte da hostalaría carballiñesa demandando cambios para evitar o que finalmente pasou, que veñan empresas non asentadas no municipio a beneficiarse e impidan que o fagan as que sí o están e que pagan impostos todo o ano e colaboraron dende sempre activamente para que a nosa festa por excelencia acadara o estatus que ten hoxendía".

Neste sentido, o grupo municipal de Espazo Común pón de manifesto que o sistema escollido para o sorteo "di ben pouco de cómo se organizan estas cousas", e, ademais, cuestiona que "se siga a facer o sorteo dos bares cun sistema de mediados do século pasado, carente de transparencia".

Ó respecto deste método de selección, os concelleiros de Espazo Común se preguntan "cómo pretendemos facer da Festa do Pulpo un referente en toda Galicia que mova inxentes cantidades económicas en gastos e patrocinios".

Te puede interesar