Espazo Común pide un censo de maiores que viven sós

A concelleira de Servizos Sociais afirma que o censo xa existe pero que non todos os maiores se adhiren

O grupo municipal Espazo Común presentou unha moción para reclamar ao goberno do Carballiño que se elabore un censo de persoas maiores que viven soas. Asegura que o goberno leva cinco anos prometendo a súa confección pero a demanda da Policía Local da semana pasada, "deixa en evidencia que segue sen rematarse".

Nese sentido, engade este grupo que "cada certo tempo, atopámonos con casos de falecementos de anciáns nesta situación que se poderían previr con dita ferramenta", e considera que "son moitos os servizos que se poderían prestar para mellorar as condicións de vida dos castigados coa soidade non desexada, unha das pragas do século XXI".

En consecuencia, Espazo Común insta ao Concello do Carballiño a través da moción que defenderá nun próximo pleno a que elabore no prazo de tres meses o censo de persoas maiores que viven soas neste municipio.

Pola contra, a concelleira de Servizos Sociais, Guadalupe Sobrado, afirma que o censo xa está feito, que xa se elaborou coa anterior responsable deste departamento e agora parlamentaria socialista, Marina Ortega. Asegura que "todos os medios que temos os poñemos a disposición das persoas que viven soas, e o concelleiro Adolfo Nogueira (Espazo Común) coñece perfectamente ese censo que se fixo cando estaba no goberno".

Indica a concelleira que é para persoas maiores de 70 anos, pero que non todas queren adherirse para recibir axuda.

Tamén sinala que os controles destas persoas se fan desde a Concellería de Servizos Sociais e a través dos programas de Cruz Vermella e de Xantar sobre rodas, entre outros. Nestes programas hai anotados 142 maiores en teleasistencia e 20 que reciben a comida na casa, segundo apunta Guadalupe Sobrado.

Te puede interesar