CELEBRACIÓN

A festa do San Cibrao muda o tráfico no centro carballiñés

As atraccións, que se están instalando, e un escenario ocuparán accesos e espazos públicos 

As atraccións das festas patronais San Cibrao do Carballiño comezaron a montarse na noite de onte, co obxectivo de facelo paulatinamente para crear os menores problemas de tráfico posibles. A instalación destas atraccións, así como dun escenario que irá na Praza Emilia Pardo Bazán, obrigan a realizar algúns cambios no tráfico do centro da vila, aínda que distribuiranse por diversas prazas e rúas. As de maior envergadura ubicaranse na Praza da Veracruz, como a gran montaña rusa Ratón Vacilón, a Barca Pirata e o Saltamontes, entre outras. As demais instalaranse na Praza do Emigrante, Alameda e Praza Irmáns Prieto, así como no primeiro tramo da avenida Julio Rodríguez Soto e rúa Conde Vallellano.

O programa de festas comezará o próximo día 14 de setembro, coa apertura das atraccións, o Festival da Mocidade con grupos de pop-rock e reggae do Carballiño e un tributo a Los Suaves, que terá lugar na parte de abaixo da Praza da Veracruz; tamén co encendido do alumeado artístico. Rematará  o martes 19, coa Romaría da Saleta, se ben as atraccións celebrarán o día de neno o 20 de setembro, con descontos. 

Entre as actividades musicais destacan os concertos das bandas de música La Lira de Ribadavia xunto co Orfeón do Carballiño, a Banda de Música de Vilatuxe e a Banda Escola de Música do Carballiño, así como da Coral Polifónica Casablanca de Vigo. E entre as orquestras destacan a París de Noia, o Combo Dominicano e Claxxon, xunto con tres orquestras máis; un tributo da música dos 80, outro a Los Suaves, así como charangas e grupos de gaitas.

As festas tamén contarán coa novidade da tirada de fogo voador na explanada da entrada do Parque municipal durante a xornada do 16 de setembro. 

O libro de man das festas do santo patrón pode solicitarse na Oficina Municipal de Turismo (Alameda) ou na Oficina de Recadación Municipal (rúa Faustino Santalices).

Te puede interesar