Grafiti e rap na 'tribu' dos escolares de Maside

O pavillón do colexio de Maside encheuse de grafitis e tribu urbana, a dos escolares do centro. (Foto: FOTOS: JOSÉ PAZ)
O s rapaces do colexio público de Maside viviron onte unha experiencia inesquecible, a de transformarse en membros dunha especial 'tribu urbana' promovida pola dirección do centro educativo. Durante a práctica totalidade da mañá, de 11.30 a 14.30 horas, adicáronse a darlle un aspecto máis artístico ós muros interiores do pavillón polideportivo do colexio, ubicado no contorno do núcleo de Outeiro Grande.
Un cento de escolares de tódalas idades recibiu un curso acelerado de 'grafiteiro' a cargo de cinco expertos para, a continuación, coa lección máis ou menos aprendida e armados con botes de 'spray', dirixirse ó recinto deportivo e darlle cor a unhas paredes de bloques grisáceos. Os xóvenes colexiais acudiron a esta cita coa vestimenta propia dos habitantes dos barrios marxinais das grandes cidades norteamericanas, coa gorra ó revés, os pantalóns curtos por debaixo dos xeonllos e zapatillas deportivas.

Ademais, unha monitora adicouse a preparar físicamente ós estudantes, cun quentamento previo coa sintonía que máis lles gusta ós amantes das pintadas: a música de rap. Un equipo de son controlado por ordenador marcou, durante as tres horas que durou a actividade, o ritmo das nenas e nenos que 'pasaron' da pintura e adicáronse a bailar sobre a pista de formigón. Mentres, o director do colexio, Luis Veloso, sorprendía a catro alumnos que, sen interese pola actividad que se desenvolvía, aseguraban 'ir ó baño', pero que tiveron que voltar ó recinto lúdico.


ÉXITO

Ó remate, e coa axuda dos expertos e duns andamios para chegar ó cumio, uns 500 metros cadrados de parede quedaron completados con diferentes debuxos e símbolos, ata chegar a plasmar a faciana do famoso tenista Rafa Nadal, unha bota de fútbol ou un 'Viva Maside', entre outros. Luis Veloso, promotor desta iniciativa, que contou co visto bó do equipo directivo do centro, amosou a súa ledicia polos resultados. 'Esta é a primeira xornada de cultura urbana, pero tendo en conta o éxito, xa estamos pensando na vindeira'.

O responsable do colexio 'Terras de Maside' tamén se plantexa, neste senso, 'traer a algún grafiteiro afamado para que ensine ós rapaces nunha próxima data'. Incluso, 'organizar un concurso de grafiti entre os estudantes, tanto a nivel local coma comarcal'. Porque traballo aínda queda. Os muros exteriores do centro educativo, sen limpar, quedarían mellor cunha sinfonía de cores.

Te puede interesar