Un investimento de 92.800 euros permite manter as excavacións no castro de Lás

Os traballos arqueolóxicos no castro de San Cibrán de Lás, entre San Amaro e Punxín, terán continuidade co apoio da Consellería de Cultura, cun investimento de 92.800 euros.
A Consellería de Cultura e Deporte resolveu o pasado 30 de xullo a licitación para a excavación arqueolóxica e consolidación no xacemento castrexo de San Cibrán de Las, situado entre os concellos de San Amaro e Punxín, cun orzamento aproximado de 92.800 euros.

Esta partida está destinada ás obras de posta en valor do asentamento, que consisten sobre todo na limpeza e acondicionamento das construcións residenciais e defensivas do poboado, así como as tarefas necesarias para conservar e salvagardar as pezas integrantes do conxunto. Os traballos centraranse na continuación doutras obras anteriores e, deste xeito, seguir afondando na investigación e salvagarda desta cidade castrexa, habitada entre os séculos II a.C. e II d. C., e coincidindo coa época romana.

Con todas estas actuacións preténdese que este asentamento, un dos máis sobranceiros da Idade de Ferro e o castro de maiores dimensións de Galiza, se convirta nun referente do patrimonio cultural galego. Ó respecto, a Consellería de Cultura lanzou a iniciativa de artellar un Centro de Interpretación no seu entorno, que xa recibiu un investimento de 3,5 millóns de euros e se atopa na súa fase final, cun remate previsto da obra no 2009. Estas instalacións teñen unha superficie construída de case 3.000 metros cadrados e contarán cunha exposición estable sobre o xacemento de San Cibrán de Lás.

Te puede interesar