O xurado decidiu premiar a novela 'Morgana e Esmelle' e un traballo sobre Celso Emilio Ferreiro

Os Losada Diéguez para Ramón Nicolás e Begoña Caamaño

O xurado da XXVIII edición do Premio Antón Losada Diéguez, que se reuniu onte no Carballiño, elexiu na modalidade de Creación Literaria a obra 'Morgana en Esmelle', de Begoña Caamaño (Editorial Galaxia) e na de Investigación e Ensaio o titulo 'Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro', de Ramón Nicolás (Edicións Xerais).
Segundo figura na acta, o xurado decidiu premiar a novela 'Morgana en Esmelle' 'pola súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais', engadindo que 'consegue renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra banda, a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico', matiza.


INVESTIGACIÓN

No eido da investigación elixiuse 'Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro', 'polo feito de tratarse dun traballo rigorosísimo de investigación biográfica apoiado nun sólido labor de documentación e escrito nunha prosa fluída e con vontade de estilo literario', segundo o xurado. Asemade, puntualiza que 'constitúe así unha achega fundamental sobre o autor celanovés que pasará a converterse en ferramenta indispensable da historiografía literaria galega'. A deliberación prolongouse durante algo máis de dúas horas, ata que finalmente os membros do xurado acadaron o acordo, despois de tres seleccións iniciais no caso da creación literaria, onde quedou finalista 'As voces baixas', de Manuel Rivas. En investigación, tras unha primeira selección, acadouse o consenso da maioría, quedando finalista 'Fisterras Atlánticas', de Santiago Lamas.

O premio está dotado con 12.000 euros, que se repartirán entre os dous gañadores, e que será entregado o día 15 do próximo mes de xuño. O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura, Rodrigo González, intervindo como vocais: Euloxio Rodríguez, pola Real Academia Galega; Dolores Vilavedra, do Consello da Cultura Galega; Francisco Luis Fariña, del Museo do Pobo Galego; Avelino García, pola Diputación; Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, e Goretti Sanmartín, pola Universidade da Coruña.

Te puede interesar