La Región

ENTREVISTA

"De México gústame todo, porque mo deu todo e agora levo 50 anos no país"

Leopoldo Otero Otero é natural de Magros (Beariz) pero leva desde os 17 anos de emigrante primeiro en Alemania e Venezuela, e desde fai 50 ano, en México.
Leopoldo Otero Otero.
Leopoldo Otero Otero.
"De México gústame todo, porque mo deu todo e agora levo 50 anos no país"

Cada canto tempo regresa a súa terra?

Volvo todos os anos e boto aquí oito meses e despois o resto do ano en México onde teño familia e para atender os negocios.

Que tal están resultando as vacacións deste ano?

Estou un pouco preocupado porque quero sacar o carné de conducir. Teño o internacional pero só é válido para seis meses, e pensando en quedarme ou tendo en conta que boto aquí oito meses gustaríame telo.

A parte de sacar o carné de conducir, que outras cousas fai neste verán?

Fundamentalmente, comer, beber e pasear.

Está todo o tempo en Magros e no Carballiño?

Non, tamén viaxamos tódolos anos en unha, dúas ou tres ocasións durante o tempo que estamos aquí. Este ano iremos a Tenerife, levamos recorrido toda España, porque nos gusta moito.

E que lle gusta de México?

De México gústame todo, porque mo deu todo. De aquí tiven que marchar con 17 anos para Alemania, fixéronme facer o servizo militar, despois fun para Venezuela e agora levo 50 anos en México. Cando estou aquí boto de menos á xente e a gastronomía, gústame a gastronomía do mundo enteiro.

Os emigrantes en México din que é un país moi inseguro.

Non na cidade na que eu vivo. Ten pouco máis de dous millóns de habitantes e de momento nunca tiven ningún problema.

Pensa en retornar definitivamente a súa terra?

Definitivamente non, porque alá teño aos meus fillos e netos, pero quero que me incineren ao morrer e me tráian para aquí.

Síntese alá como na súa casa?

Non podo falar mal dos mexicanos porque nos acolleron cos brazos abertos e nos fomos a traballar, e todos fomos con papeles, non como en España que veñen indocumentados e danlle todo.