Os nenos, protagonistas no Magosto da Esgueva

Magosto infantil e xuvenil do pasado 2022, na Insua dos Poetas.
photo_camera Magosto infantil e xuvenil do pasado 2022, na Insua dos Poetas.
A Insua dos Poetas celebra a festa con iniciativas lúdicas e didácticas

Dado o éxito acadado no 2021 e no 2022, a Fundación Insua dos Poetas celebrará de novo este ano a tradicional festa do Magosto destinado ós máis pequenos. Será o próximo domingo, 26 de novembro, a partir das 16,30 horas, no predio da Esgueva de Madarnás. Nesta edición, a fundación conta para a organización coa colaboración dos concellos do Carballiño e do Irixo.

Nenos e adolescentes poderán desfrutar gratis de varias atraccións destinadas a incentivar a creatividade. Trátase de xogar, divertíndose con actividades que axuden a promover, didacticamente, a  cultura e a lingua propias.

“Sabido é que os magostos, na provincia de Ourense, van máis alá do día de San Martiño”, aclara Luís González Tosar, presidente da Insua dos Poetas. “Hai todo un tempo de magosto no que os nenos e as nenas deben participar manifestando as súas iniciativas”, engade.

Luís González Tosar opina que os nenos perderon nestes últimos anos o protagonismo nesta festa, que na actualidade limítase prácticamente a comer os produtos típicos, participando maioritariamente os adultos. Por iso, a fundación pretende devolverlle o antigo protagonismo aos nenos e mozos, organizando o único magosto dedicado a eles de toda Galicia, segundo afirma.

Ademais da música e dos xogos, o Magosto infantil e xuvenil da Insua dos Poetas brinda posibilidades para a lectura e para descibrir interesantes aspectos da cultura tradicional. De aí o sorteo de lotes de libros e de xogos didácticos. “Animamos  a pais e avós a acompañar ós máis pequenos nunha xornada na que tampouco faltarán as castañas, os bolos preñados e outras delicias do magosto. A entrada será libre”, conclúe.

Te puede interesar